O Concello de Culleredo recibe un ano máis o Concurso-Exposición de Ornitoloxía organizado pola Sociedade Coruñesa de Canaricultura. Terá lugar entre o 18 e o 27 de novembro na aula da Natureza "Juan Lembeye" do Xardín Botánico do Burgo.
Máis dun milleiro de canarios, de diferentes tipos, cores ou tamaños poderanse atopar no Burgo. Os exemplares estarán todos clasificados para facilitar aos asistentes a súa observación.
Os canarios serán recibidos mañá e o sábado. O público poderá velos desde o luns en horario de 18.00 a 21.00 horas, e o sábado tamén pola mañá de 11.00 a 13.00 horas. O domingo 27 ás 12.00 horas terá lugar o acto final e entrega de premios.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Culleredo e está patrocinada pola Deputación da Coruña.
Os valores de respecto ás aves e á natureza preténdense inculcar no alumnado das escolas da comarca coruñesa, participantes no concurso de debuxo que se organiza en paralelo. Os debuxos estarán tamén expostos na aula de Natureza. O seu tema principal son os paxaros e a natureza.