O Concello de Culleredo viviu o venres o pleno infantil, na súa edición XVII, a sesión máis multitudinaria con 221 escolares do CEIP Ría do Burgo, Sofía Casanova, Tarrío e o colexio Ponte Pasaxe. Cada clase de sexto de primaria tivo os seus concelleiros no estrado que presentaron propostas para o debate e votación por parte do conxunto do pleno infantil.
A sesión foi dirixida polo alcalde infantil, Xabier Guitián, que estivo acompañado na mesa polo primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Educación, Carmen Varela. No público, moi atento e animoso en toda a sesión, tamén había pequenos exercendo de debuxantes e fotógrafos do pleno.
Foron moitos os temas abordados na sesión. Os pequenos, como é lóxico, centraron as súas propostas nos seus intereses máis próximos. Ao principio apenas se produciron discusións nas mocións, pero aos poucos xerouse un debate máis intenso sobre o destino do diñeiro público.
As discrepancias empezaron coa proposta do CEIP de Tarrío de reparar os aseos portátiles do paseo marítimo, en mal estado polos vándalos, pero a moción foi aprobada. Logo chegou a do CEIP Ría do Burgo de dedicar fondos para mellorar as fontes e lavadoiros. Entón estalou o debate, con opinións de concelleiras do Sofía Casanova e Tarrío cuestionando se é idóneo destinar o diñeiro a iso. Esta proposta recibiu tantos votos a favor como en contra.
Mesmo resultado obtivo a petición da Ría do Burgo de construír máis beirarrúas na rúa Ombre, en Almeiras. O debate foi a máis con edís cuestionando se hai necesidade da obra. Mesmo houbo quen pediu probas fotográficas que o demostrasen.
Despois, na súa intervención final, Rioboo deu a razón a quen efectuou a proposta e sinalou a necesidade de completar as beirarrúas na rúa Ombre ata a costa da Lonxa, nun tramo duns 150 metros. Para iso, avanzou, o Concello buscará a cesión de terreos por parte dos propietarios.
Polo demais, a moción aprobada con máis apoios foi a petición ao Concello de que medie ante a Xunta para que arranxe as pistas de pádel e tenis situadas no parque deportivo de Acea de Ama, xunto ao Sofía Casanova. Tamén obtivo moitos apoios a idea deste colexio de incrementar a seguridade nos pasos de peóns mediante luces exclusivas e colocar os colectores sen que afecten á visibilidade.
Rioboo anunciou aos pequenos que o Concello contactará coa Xunta para trasladar este requirimento de recuperar as pistas e avanzou un plan municipal de seguridade viaria nos arredores dos centros educativos: "Elevaremos todos os pasos de peóns situados xunto a centros de ensino e edificios municipais e coaremos iluminación LED".
Tamén estivo presente no pleno a ría do Burgo. Os nenos do Ponte Pasaxe pediron a limpeza dos lodos para que se desenvolva correctamente a actividade marisqueira. De feito apostaron porque os alcaldes do catro municipios pidan en conxunto os fondos.
E mesmo se falou de acoso escolar, na moción máis seria, e quizais mellor argumentada con gráficos incluídos, elevada polo CEIP de Tarrío para pedir a súa erradicación. Rioboo non deixou pasar a ocasión para sensibilizalos sobre esta problemática e pediulles que ?non tengais medo? a avisar destes casos aos vosos pais e profesores.
Leste mesmo colexio tamén propuxo o arranxo da cuberta do seu polideportivo e a instalación de marquesiñas para o transporte escolar.
Rioboo felicitou aos rapaces polo exercicio democrático que realizaron as "propostas moi positivas" que presentaron. Destacou que mesmo algunha delas foi debatida en ocasións polo propio pleno oficial.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER