O Concello de Culleredo celebrou no IES Blanco Amor unha gran sesión de formación da manobra de resucitación cardíaca, RCP, e a manobra de Heimlich para intervir en casos do atragantamento, na que participaron 255 alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Para iso contou coa colaboración da asociación ASGATE, que levou os instrutores, moitos deles alumnos do ciclo de técnico de emerxencias.
En pequenos grupos, os mozos do IES foron practicando con bonecos de tamaño humano a forma de realizar a actuación. Este sinxelo procedemento de resucitación cardíaca, orientado ás persoas non profesionais, consiste exclusivamente na masaxe cardíaca golpeando o peito da persoa en parada , e xa non leva imprescindiblemente aparellado o complexo "boca a boca" que tanto intimidaba a quen se atopaba fronte a unha persoa nestas circunstancias.
O obxectivo é así facilitar a iniciativa e seguridade dos mozos para atreverse a intervir ante unha emerxencia deste tipo.
Doutra banda, a manobra de Heimlich, tamén moi fácil e efectiva para resolver un atragantamento que pode levar a morte inmediata mediante unha forte e brusca compresión na base do esternón para provocar a saída do elemento que obstruya a vía respiratoria.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, e a de Cultura, Carmen Varela, desprazáronse até o IES Blanco Amor para apoiar a actividade. O profesorado tamén participou activamente na formación impartida.
A xornada formou parte do proxecto denominado "As túas mans salvan vidas", que ten como un dos seus obxectivos promover aprendizaxes dirixidas á poboación escolar sobre técnicas sinxelas de intervención cidadá en emerxencias sanitarias.
A campaña que se desenvolve neste curso escolar 2016-2017 comezou no primeiro trimestre do curso con actividades dirixidas aos escolares de educación primaria con motivo do Día Mundial do Lavado de Mans, no que se traballou a importancia dun lavado de mans ben feito e coa frecuencia idónea co que se pode evitar unha chea de infeccións de transmisión dixestiva ás veces moi graves, e cando menos epidémicas, que poden afectar a familias e aulas enteiras.
A iniciativa está organizada e coordinada por unha técnica municipal psicopedagoga responsable do proxecto e conta coa participación do grupo de Voluntariado en saúde da Oficina municipal de voluntariado (OMVOL) da mesma concellaría.