O Concello de Culleredo apunta a un significativo crecemento económico en 2017. O pleno aprobou a proposta de orzamentos á alza do goberno local, cos apoios da Marea Veciñal de Culleredo e Ciudadanos, en concreto un 9,08% maiores que en 2016, alcanzando a cifra de 22.227.057,03 euros.
Os capítulos de ingresos e gastos mantéñense equilibrados. Desta forma, un ano máis, o Concello de Culleredo non terá que recorrer a crédito para financiarse, bastándolle cos recursos propios e coas trasferencias doutras administracións.
En canto aos gastos, o capítulo que presenta un maior crecemento é o de investimentos reais, un 55,72% maior que en 2016. Neste punto, o logro do financiamento europeo para a estratexia DUSI e a maior achega da Deputación permitirán a programación de novas actuacións.
Os servizos básicos acapararán os principais esforzos investidores. A mellora da seguridade viaria e o acondicionamento da rede viaria será o principal destino dos fondos, xunto coa ampliación do saneamento e a mellora da rede de abastecemento de auga.
Destaca neste apartado que o Concello redobrará a súa aposta por cubrir parques infantís, dada a boa experiencia lograda ao permitir incrementar o seu tempo de uso. Esta vez cubriranse tres dos que máis afluencia teñen: o das Brañas (Fonteculler), paseo Tierno Galván (Acea de Ama) e Sagrada Familia (Vilaboa).
Tamén remodelaranse os parques infantís de Vallesur, OsTemplarios, a praza da igrexa de Vilaboa e de Orro.
Tamén no capítulo de gastos destaca a extraordinaria baixada dos gastos financeiros (un 63,76%) quedándose en 46.359,15 euros. Isto débese ás amortizacións de grandes contías levadas a cabo polo Concello nos últimos anos, na política de empregar o remanente en parte para baixar o nivel dos créditos e en parte para investimentos de carácter social. Esta contía de gastos financeiros non se producía desde 1987, o que fai ver o gran esforzo de amortización asumido.
A nivel de persoal, e seguindo o plan aprobado no pleno, increméntase o capítulo nun 4,21%. A idea é aumentar o persoal, favorecendo a mellora da eficacia e calidade de servizos básicos.
O capítulo de gastos en bens correntes e de servizos mantense en niveis similares aos do ano pasado, cunha subida dun 0,15%. E neste apartado atópase tamén o gasto social, que volve copar o orzamento coas axudas a persoas e familias en risco de exclusión, a atención á dependencia ou a discapacidade.
No apartado de ingresos, prevese un crecemento na recadación de impostos directos (4,3%), unha baixada na de taxas e outros ingresos (-10,25%) e un incremento das transferencias de capital (24,59%) e das transferencias correntes (13,12%).