Os campamentos municipais de primavera viven este ano a súa edición máis numerosas. Este é o quinto ano consecutivo que funciona a iniciativa, ideada polo Concello de Culleredo para favorecer a conciliación, e acolle nesta ocasión a 95 nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade.
O programa de actividades estará guiado nesta ocasión pola temática da horta. Onte elaboraron o seu propio espantallo no xardín botánico do Burgo. Hoxe aprenderon a plantar pementos.
A concelleira de Educación e Cultura, Carmen Varela, visitou hoxe a actividade para dar a benvida aos participantes. Alí puido comprobar o entusiasmo dos pequenos coa temática dos campamentos.
As actividades desenvolveranse en horario de 9.00 a 14.00 horas, salvo o luns 17 que se prolongará ata as 18.00 horas ao tratarse dunha excursión a Cabanas e a unha granxa.