O Concello de Culleredo desenvolve anualmente unha programación didáctica cos colexios en diferentes ámbitos. Trátase dunha formación que complementa á regulada e que se acorda cos propios docentes.
Entre eses ámbitos atópase a educación patrimonial e natural. Baixo a premisa de que é importante que os escolares coñezan as orixes e os recursos do municipio no que viven, o Concello organiza rutas didácticas para descubrir a historia e a natureza de Culleredo.
Son uns 1.000 escolares dos colexios de Tarrío, Sofía Casanova (Vilaboa), Isaac Díaz Pardo (O Burgo) Ría do Burgo e Ponte Pasaxe (Fonteculler) os que participan. As actividades desenvólvense este mes de maio.
O programa estrutúrase en tres bloques. A ruta didáctica polos vestixios do pasado leva aos alumnos de 3º e 4º á Torre de Celas, a igrexa do Burgo e a ponte antiga, tres elementos crave. A ruta didáctica pola Idade Moderna concéntrase no Pazo de Vilaboa, para alumnos de 5º e 6º.
No apartado natural, o Concello leva a escolares de 6º ao Monte Xalo, un percorrido que o Concello potencia nas aulas desde hai moitos anos. E aos de 2º aos ríos e muíños do municipio.
Hoxe os alumnos de 4º de Tarrío coñeceron a historia da ponte e a igrexa do Burgo. De forma moi didáctica e entretida, mostráronse moi atentos á representación histórica.
A concelleira de Educación, Carmen Varela, destaca a importancia de "coñecer as túas raíces, máxime cando vives nun lugar con tanto patrimonio de diferentes épocas". A edila sostén que este tipo de actividades axudan a "entender a historia" ao vela en primeira persoa.