O Concello de Culleredo acaba de resolver a convocatoria de subvencións municipais a asociacións sen ánimo de lucro. O goberno local concede axudas nesta ocasión ás 52 entidades beneficiarias por un montante de 88.793,26 euros, a cargo do orzamento municipal.
As axudas van dirixidas a entidades de todos os ámbitos no total das oito liñas de actuación contempladas. Así, subvenciónanse entidades de servizos sociais; de igualdade, corresponsabilidade e loita contra a violencia de xénero; do ámbito sociosanitario; de educación; de cultura; de deporte; de participación social; e de dinamización económica.
A convocatoria das axudas foi mediante concorrencia competitiva. A resolución está publicada no BOP, así como xa está no taboleiro de edictos e na web municipal.
Foi requisito que as asociacións estean inscritas no rexistro municipal e desenvolvan as súas actividades para o beneficio da cidadanía cullerdense. O Concello promove os programas que desenvolvan as entidades complementando os servizos impulsados desde a administración.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, destaca o "traballo desinteresado" que levan a cabo as entidades para o benestar social de Culleredo. "Son un axente crave para impulsar a atención social, a actividade deportiva e cultural, os programas educativos e a participación cidadá en xeral", afirma.