O Concello de Culleredo ten en marcha desde a semana pasada o seu servizo de aluguer de bicicletas. Ata o próximo 15 de outubro, os veciños e visitantes poderán tomar prestada unha das bicicletas para percorrer o municipio aproveitando os grandes espazos existentes.
Son tres os puntos habilitados para facerse coas bicis:
- O paseo marítimo xunto á urbanización A Ría, en Fonteculler
- O paseo do Burgo xunto á ponte sobre a ría, no Burgo
- O paseo do río Trabe na rúa Luís Seoane, en Vilaboa.
Hai un total de 137 bicicletas e tres aparca-bicicletas coas súas columnas informáticas integradas para a xestión do aluguer, mediante cartóns intelixentes. Para a utilización das bicicletas existen dúas modalidades:
- Para os empadroados en Culleredo que queiran gozar do servizo durante toda a tempada, cun pago único de 11 euros.
- Un uso dunha semana, por 6 euros.
Os usuarios poderán facerse cun cartón nas oficinas municipais sitas no centro municipal Pablo Picasso do Burgo, en horario de mañá. O cartón adquírese cun pago único de 3.50 euros. É necesario presentar a solicitude cumprimentada, a fotocopia do DNI e o recibo do pago. Os mozos de 16 e 17 anos necesitarán a autorización expresa e declaración responsable dos seus pais ou titores.
Era desexo do goberno local que o servizo comezase o mes de xullo. Pero as trabas que está a supor a nova lei de contratos aos concellos están a retardar esta e a maioría das tramitacións. Superados estes obstáculos grazas ao esforzo dos traballadores municipais, poderase contar co servizo ata o 15 de outubro.
O obxectivo desta iniciativa consiste en que veciños e visitantes gocen das amplas zonas verdes do municipio de Culleredo cun medio de transporte ecolóxico e que promove o exercicio físico.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, móstrase decidido a potenciar a bicicleta como medio turístico e de transporte alternativo. De feito, un dos grandes proxectos, que se financiará co plan europeo Culleredo Vivo, será a creación dun corredor ciclista entre o monte Xalo e a ría. "Temos moitas posibilidades, con espazos verdes e ríos ideais para albergar sendeiros para bicicletas", destaca.