- Reunirán a 126 deportistas de 11 entidades de Galicia.
- “É unha honra acoller o evento”, expresou o alcalde na presentación que tivo lugar hoxe.
O Concello de Culleredo e Special Olympics Galicia presentaron hoxe a edición 25 dos Xogos Autonómicos de Campo a través e Petanca para persoas con discapacidade intelectual. Terán lugar no Burgo este sábado 23 de abril.
A presentación desenvolveuse no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Interviñeron José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo; Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia; Isabel Pedrera, presidenta da Comisión de Lecer de Asprogana, Benjamín Barbadillo, deportista da Asociación Aspronaga; e Miguel Suárez, concelleiro de Deportes de Culleredo.
“Estes son os eventos que queremos en Culleredo”, resumiu o rexedor, en referencia ao compoñente social da competición. Considera que é “unha honra” acoller os xogos no municipio, que reunirán a 212 persoas entre deportistas, adestradores e voluntarios.
O evento celebrarase no paseo do río Trabe e no campo de fútbol e polideportivo do Burgo. A inauguración está fixada para as 10.45 horas seguindo o protocolo de cerimonias dos Xogos Olímpicos, coa lectura do xuramento de Special Olympics. E a competición comezará ás 12.00 horas.
Eladio Fernández explicou que a elección das probas desta competición realízase agrupando as características dos participantes. Neste caso son individuais gardando as burbullas. Haberá categorías de 8 a 11 anos e de 12 en diante.
Asisten un total de 11 entidades de diferentes localidades das catro provincias galegas. Serán 126 deportistas.
“Os participantes supéranse e demostran as súas capacidades, que son máis do que podemos imaxinar”, apuntou Fernández.
Na presentación contouse o testemuño dun dos deportistas de Asprogana, Bejamín Barbadillo. Xoga ao fútbol sala, de porteiro, e manifestou o entusiasmo que lle suscita participar nas competicións de Special Olympics.