O Concello de Culleredo iniciou as obras de construción do centro de dinamización de maiores de Celas, nunha parroquia que contará cun novo equipamento social coa finalidade de dar resposta á demanda da veciñanza. Situarase na parcela da antiga escola unitaria, agora convertida en centro social, da que se modificou o destino de docente a asistencial, para poder levantar o edificio, dunha planta.
O espazo contará cunha superficie de 147 metros cadrados, máis un soportal de 19,30 metros cadrados. No seu interior contará cunha gran sala polivalente, de 75 metros cadrados, moi luminosa e diáfana. Ademais, disporá de sala de curas, baños, almacéns e un office.
A dependencia terá unha altura de 2,6 metros e será acristalada para un maior aproveitamento da luz. A superficie da parcela é de 1.363 metros cadrados. A actuación supón un investimento de 199.417,22 euros.
O Concello de Culleredo acordou no seu día esta actuación coa Comunidade de Montes en Ma Común de Celas. Froito do acordo establecido para a captación de auga dos seus mananciais, o goberno local comprometeuse a realizar un investimento de acordo coas súas propostas.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explica que o centro “dará resposta ao interese da veciñanza de Celas de contar cun espazo específico para os seus maiores”, algo que comparte e avala o goberno local. A finalidade é crear unha dependencia para fomentar a atención e encontro ás persoas maiores.
O rexedor expresou que é “un compromiso” coa parroquia de Celas, con “todas as veciñas e veciños” que alí viven e que “estamos máis preto de ver cumprido un dos obxectivos prioritarios deste mandato no ámbito social”, destacou Rioboo.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER