O Concello de Culleredo informa de que acollerá esta noite, xa na madrugada deste sábado, o paso dun transporte especial pola antiga Nacional 550 desde o límite con Cambre, en Alvedro, ata o límite coa Coruña, no Portádego, pasando por Vilaboa.
Trátase dun vehículo que transporta unha pasarela de grandes dimensións con destino ao centro comercial Alcampo, cun ancho duns 4 metros. Dado que atravesa unha importante zona urbana, irá acompañado dun dispositivo especial con Policía Local e Garda Civil. Estímase que por Vilaboa pasará sobre as 4.00 horas.
Os técnicos do Ministerio xa supervisaron con antelación o roteiro para verificar o paso e reserváronse zonas de estacionamento nalgún punto para facilitar a operación.
Un transporte destas mesmas características repetirase de novo na madrugada do sábado 4 de novembro.