ONG Mestura está de celebración co 20 aniversario da entidade, dúas décadas traballando pola inclusión social, orientando, informando e acompañando as persoas migrantes na Área Metropolitana da Coruña, a Mancomunidade de Ordes e a Comarca de Betanzos. A inserción sociolaboral, a mediación intercultural e a sensibilización polo feito migratorio e a igualdade de xénero son os eixes desta organización que pon o foco na capacitación de mulleres e mocidade, contribuíndo á xustiza social, sustentabilidade ambiental, respecto pola diversidade e voluntariado.
Mestura desenvolveu dende 2003 unha acción, compromiso e transformación social ascendentes, e continuou o seu labor malia a COVID-19, atendendo regularmente a máis de 500 persoas dunha trintena de países, principalmente, dos continentes latinoamericano e africano. As profesionais que compoñen a equipa técnica decatáronse do cambio importante nos perfís do público que, a partir da pandemia, pasaron de teren carencias puntuais a precisaren un acompañamento sostido, sendo o encarecemento dos prezos da vida cotiá un dos motivos que dificultan o acceso á cobertura das súas necesidades básicas.
Ademais, nestes intres, a saúde mental ocupa unha das liñas estratéxicas da ONG, posto que as familias recen chegadas á comunidade autónoma están a afrontar continuos estresores dende que deciden partir do seu país de orixe, como son a falla de recursos, o propio desprazamento, o proceso de adaptación no destino e a incerteza polo futuro inmediato. Por iso, a entidade viu necesario introducir a psicoloxía de forma interdisciplinar nas diferentes dinámicas de traballo, co obxectivo de actuar sobre as necesidades psicoemocionais das usuarias e usuarios.
O feito migratorio está a mudar de seguido, porque o ser humano está en constante tránsito, sexa por motivos económicos procurando mellores oportunidades, ben por razóns políticas fuxindo de conflitos, persecución e vulneración de dereitos, ou incluso por cuestións adversas como o cambio climático. Neste senso, a comunidade internacional, a través da Axenda 2030, recoñeceu a migración como aspecto fundamental para o desenvolvemento do planeta, polo que se trata dun desafío e emerxencia reais, co 2,3% da poboación mundial vivindo fóra do seu país natal.
Despois de unirse este ano a EAPN Galicia e Plataforma Red Conecta, ONG Mestura abre unha nova etapa poñendo en valor os diferentes proxectos de acollida e información, traballo social, orientación laboral, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, soporte ás familias e menores e educación en valores, cunha programación especial espallada no 2024. As actividades presentaranse proximamente e contribuirán no diálogo por unha nova política de migración, dando voz ás persoas migrantes como verdadeiras protagonistas e axentes do cambio.
Entre os programas máis activos, destácase “Paso a paso”, operación cofinanciada parcialmente co Fondo Social Europeo Plus a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e “Neneiras”, abertos en 2015, cubrindo as necesidades da poboación migrante en risco de exclusión e empoderando ás mulleres do rural en situación de vulnerabilidade. Ademais, as actividades financiadas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF como “Saimi”, “A túa voz”, “Pai” e “Pïx”, ou os espazos “Aula de Babel”, “Xoves Interculturais” e “Mestúrate”, veñen proporcionar á rapazada e maiores benestar emocional, conexións lingüísticas, axudas económicas puntuais, mellora dos procesos de aprendizaxe e fomento da participación.
Neste tempo, máis de 350 voluntarios contribuíron xerar conciencia solidaria cunha política integral que lle valeu á ONG recoñecementos coma a Proposta 2018 de Entidade Exemplo de Boas Prácticas da Unión Europea ou o Premio 2020 á Mellor Entidade de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia. En moitos casos, as persoas que comezaron o seu labor desinteresadamente acabaron sendo contratadas posto que, nos seus inicios, Mestura estivo conformada só por unha rede de voluntariado, migrantes de primeira e segunda xeración asentados na contorna prestando as súas competencias profesionais.
Co obxectivo de progresar, potenciar e adaptar o traballo á demanda, o centro vén de profesionalizar a súa área de comunicación coa contratación de dúas persoas a través do Programa de Cooperación da Xunta de Galicia e o Goberno de España. As persoas migrantes interesadas en unirse á ONG Mestura, poden solicitar cita previa a través do 981 66 18 40 ou 604 00 25 19, en horario de 9:00 a 14:30 horas, enviando unha mensaxe a info@ongmestura.es, ou acudindo á sede principal na Avenida de Vilaboa 158, Baixo Esquerda na Corveira (Culleredo).
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER