Culleredo converterase novamente esta fin de semana na capital do balonmán galego coa desputa da final four infantil masculina e feminina no pavillón de Tarrío o sábado 27 de abril e o domingo 28 de abril.
A concelleira de Deportes e primeira tenente de alcalde, Cristina Pardo; o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Nacho Permuy; o presidente do Balonmán Culleredo, Darío Otón e Rubén Allegue, directivo do Balonmán Culleredo, presentaron oficialmente a cita esta mañá na Sala de Vídeo do Edificio de Servizos Múltiples.
Na categoría masculina participan o Balonmán Culleredo, o Supermercados Camar Bueu, o Cisne Colegio Los Sauces e o BM Línea 21 Transgalo. Os horarios das semifinais de mañá sábado son:
• 10:45 horas: Supermercados Camar Bueu – Cisne Colegio Los Sauces
• 13:30 horas: Balonmán Culleredo Nosolomadera – BM Línea 21 Transgalo
A final será o domingo, 28 de abril, ás 16:00 horas, e o terceiro e cuarto posto ás 12:30 horas.
Na sección feminina participan o Tecnosat BM Cangas, Balonmán Porriño, Nordata Xiria e SAR Rodavigo. Os horarios das semifinais femininas son:
• 17:00 horas: Tecnosat BM Cangas – Balonmán Porriño
• 13:00 horas: Nordata Xiria – SAR Rodavigo
A final será o domingo, 28 de abril, ás 18:00 horas, e o terceiro e cuarto posto ás 10:30 horas.
Pardo incidiu en que “Tarrío converterase novamente no epicentro do balonmán en Galicia, que encherá o noso municipio de familias e de pequenas e pequenos deportistas. Desde o Balonmán Culleredo, o club que máis licenzas emite de toda Galicia, cónstanos que se está facendo un traballo encomiable e o organizar esta cita é bo exemplo. Desde o Concello de Culleredo desexamos que esta fin de semana sexa o máis próspero posible, e como non, desexar a mellor das sortes a todos os equipos, pero en especial ao Balonmán Culleredo”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Nacho Permuy, quixo agradecer “a Culleredo, a todas as persoas que estamos nesta mesa e a nivel global, o poder acoller estas fases finais con este formato. A experiencia que ten Culleredo sempre é garantía de éxito, e pola nosa banda desexámoslle a todos os equipos participantes a mellor das sortes”, destacou.
Darío Otón, presidente do Balonmán Culleredo, tamén agradeceu “tanto ao Concello como á Federación Galega de Balonmán o poder organizar unha final four na nosa casa. Para nós o máis importante é a formación, tanto persoal como deportiva, de tantos mozos e mozas que forman parte do noso club. Tentamos organizalo da mellor maneira posible e esperamos que sexa unha fin de semana boa para todas e todos, e que se goce ao máximo do balonmán”.
Máis deporte
Ademais do balonmán, Culleredo acollerá tamén a final da división cadete feminina de baloncesto, no pavillón do Burgo, durante o sábado e o domingo. Daranse cita o Traumacor Culleredo, o Costa Ártabra, o Celta Zorka Rekalvi e o Cafés Candelas Ensino. As semifinais xogaranse ás 10:30 e 12:30 horas do sábado. O partido polo terceiro e cuarto posto, o domingo ás 17:00 horas e a final, tamén o domingo ás 19:30 horas.
Tamén o domingo, 28 de abril, Castelo acollerá a XIII edición da ‘Travesía do Xalo’, con récord de participación na ‘andaina’ de 10 quilómetros, con máis de 500 persoas rexistradas. Á súa vez disputarase o trail, cun percorrido de 18 quilómetros e un desnivel de máis de 1000 metros. Ao finalizar ambas as probas celebrarase unha churrascada popular. Castelo Deporte, organizadora do evento, ofrecerá un ano máis a parte solidaria co apoio á Fundación Mari Paz Jiménez Casado.