O Concello de Culleredo aprobou hoxe no pleno ordinario os pregos para a contratación do servizo de limpeza de edificios. A nova prestación supoñerá un notable incremento no persoal e no tipo e frecuencia dos traballos para lograr uns resultados da maior calidade posible. O servizo abarcará a todas as dependencias municipais.
A contratación dividirase en tres lotes: edificios administrativos e centros sociais, con 16.094 horas anuais; instalacións deportivas, con 7.540 horas anuais; e centros educativos, con 26.000 horas ao ano. O número de traballadores que o Concello inclúe no servizo equivale a 27 xornadas completas.
Unha das grandes novidades é a introdución da figura de retén para optimizar a limpeza dos centros educativos. Consistirá nun servizo de dúas horas diarias, de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.00 horas, para reforzar a limpeza dos aseos dos CEIP e para cubrir posibles emerxencias.
No caso das instalacións deportivas, o Concello determina que durante as fins de semana, e en días de competicións, a prestación se realice ata o peche para deixalas en perfecto estado para a seguinte xornada. Así mesmo, a pista dos polideportivos municipais será limpada con medios mecanizados polo menos dúas veces ao mes. A nivel ambiental, o contrato contempla diversas medidas. Os produtos que se empreguen deberán contar co certificado de etiqueta ecolóxica. O papel de secado de mans e o papel hixiénico serán 100% de orixe reciclada, do mesmo xeito que as bolsas de lixo. E a maquinaria cumprirá a norma europea en materia de emisións de dióxido de carbono e de ruídos.
O orzamento de licitación será de 862.660,07 euros anuais, máis o IVE correspondente. A adxudicación será por dous anos, contemplándose un total de tres prórrogas dun ano. Nas últimas semanas, o Concello acelerou ao máximo a redacción dos pregos para lograr un marco apropiado, tanto para a empresa que resulte adxudicataria como para os traballadores, para o desenvolvemento dun servizo esencial para o interese xeral.
O próximo servizo que se contratará será o de limpeza viaria. O alcalde, José Ramón Rioboo, sinalou que se está á espera dun ditame xurídico solicitado ca finalidade de garantir ao máximo a “seguridade xurídica” da licitación. Os pregos foron aprobados polos votos favorables do PSOE, o PP e Alternativa dos Veciños. O BNG abstívose.
Cambios na RPT
O cambio na RPT afecta a varias áreas de traballo. Unha das novidades reside na creación da área de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente, que une ás dous actuais de Urbanismo e de Medio Ambiente. A súa xefatura será única, fronte ás tres xefaturas existentes. Ademais, establécese o concurso como sistema de provisión dos postos de enxeñeiro de Camiños e enxeñeiro industrial e créase un posto de administrativo.
En Economía e Facenda, unha área transversal, increméntase o persoal con máis administrativos. Tamén se crea o Servizo de Recursos Humanos, Organización e Réxime Interior, que terá así entidade propia cando ata o de agora dependía do Gabinete Técnico. A Secretaría do Concello asume o servizo de información e atención á cidadanía, así como o departamento de Informática.
Finalmente, en Seguridade Cidadá inclúense tres postos de Policía Local de segunda actividade; e en Cultura, Deportes e Educación fíxase unha xefatura única fronte ás dúas que existían. Foi aprobada polos votos favorables do goberno local e as abstencións de Alternativa e PP. O BNG votou en contra.
Incorporación de novos Policías Locais
Noutro dos puntos do pleno aprobouse continuar coa incorporación de cinco Policías Locais, proceso rexeitado na sesión do pasado setembro pola oposición. Tras obter o beneplácito do Consello Consultivo, o Concello procede á desestimación dos recursos presentados por persoas interesadas para a revisión de oficio do proceso e a continuar por fin co nomeamento.
A Administración local xa determinara que os recursos non procedían dado que as alegacións non se baseaban en ningunha das causas de nulidade admitidas por lei. Agora o Consultivo dá a razón ao proceder municipal que a oposición rexeitou. O ditame do Consello Consultivo ten carácter vinculante. Foi aprobado polos votos favorables do PSOE, PP e Alternativa, namentres que o BNG se abstivo.
Outros asuntos
No pleno aprobouse tamén o convenio entre o Concello de Culleredo e a Deputación de Albacete para empregar a plataforma ‘Sedipualba’, un conxunto de aplicativos e ferramentas que perseguen a eficacia na xestión interna. Contou cos votos a favor do goberno local e Alternativa, a abstención do PP e o voto en contra do BNG.
Aprobouse tamén por unanimidade o convenio de colaboración coa AGASP para o futuros proceso de selección de policías locais. En canto ao nomeamento de persoal eventual do Partido Popular, deuse luz verde cos votos favorables do PP e as abstencións do resto de grupos.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER