O Conservatorio Municipal de Culleredo será gratuíto ao 100% para o alumnado. Trátase dunha decisión adoptada polo goberno municipal co fin de impulsar a educación musical de calidade no concello.
A medida foi aprobada hoxe pola xunta de goberno local, por unanimidade. Previamente foi ditaminada favorablemente na Comisión Informativa cos votos favorables do PSOE e Alternativa dos Veciños e as abstencións do PP e BNG. O Conservatorio cullerdense carecerá de cota algunha: non haberá nin tarifa de matrícula nin mensualidades. É unha decisión inédita no ámbito dos Conservatorios, e en Culleredo aplicarase xa co novo curso, 24/25.
A creación do Conservatorio foi unha iniciativa do goberno local en 1992, sendo desde entón un centro educativo de referencia e promovendo o ensino da música á cidadanía. A nivel orzamentario eran uns 126.000 euros os recadados polo Concello con estes prezos públicos, o que supoñerá un importante incremento da achega de fondos propios. Por tanto, o financiamento do ensino do Conservatorio será case do 100% das arcas municipais, dado que a Xunta de Galicia non achega nada e a Deputación unha pequena axuda.
Ensinanzas
O Conservatorio cullerdense ofrece tanto ensino de grao elemental como de grao profesional. Así mesmo, é o único en Galicia que imparte iniciación, para pequenos e pequenas de 6 a 8 anos de idade.
Son 11 as especialidades coas que conta: violín, violoncelo, piano, guitarra, percusión, saxofón, frauta, clarinete, trompeta, canto e acordeón.
Podes ver o desenvolvemento do punto, público nesta xunta de goberno, na canle municipal de Youtube.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER