O Concello de Culleredo ten en marcha os seus campamentos de verán para a conciliación cunha gran acollida entre as familias. Un total de 450 pequenos e pequenas de 3 a 12 anos de idade participan nalgunha das quendas que funcionarán os meses de xullo e agosto.
As "Mañás de Campamento" ambiéntanse nesta edición en recoñecidas figuras de mulleres cullerdenses, como é o caso de Sofía Casanova ou Virginia Blanco. Trátase de campamentos de lecer educativo polo que as súas actividades abordan ámbitos como a saúde, a educación emocional, a interculturalidade ou o coidado da contorna.
Aínda que a maioría das actividades se levan a cabo nos colexios Vila de Rutis e Sofía Casanova, en ocasións realizan saídas con diferentes dinámicas. O paseo do río Trabe, en Acea de Ama, recibiu aos case 200 rapaces que participan nestas primeiras quendas de campamentos, onde levaron a cabo unha actividade de concienciación sobre o medio ambiente.
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, desprazouse atao lugar para compartir parte da dinámica cos pequenos. "Cremos esencial ofrecer unha alternativa para a conciliación durante as vacacións escolares", explica.
A edila destacou que coa proposta o Concello propicia unha atención de ata 8,5 horas ao día ás familias, incluíndo a opción de almorzos e comidas. "Culleredo é un municipio con moitas familias mozas e necesitan este tipo de opción", apunta.