A Deputación da Coruña, dentro da súa programación deportiva para o ano 2025, pon en marcha unha campaña de esquí na estación de VALGRANDE-PAJARES, destinada a 600 rapaces e rapazas da provincia da Coruña. As persoas participantes neste programa gozarán de 4 días con aloxamento e manutención, nun albergue a pé de pista e contarán con cursos de esquí e actividades complementarias na estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias). Cada participante terá que inscribirse no seu concello de empadroamento, entre os días 8 de novembro e 2 de decembro.
As idades das persoas participantes serán de entre 11 a 15 anos ambos os dous inclusive, cumpridos a 31 de decembro de 2024 e aboarán 85€ (oitenta e cinco euros) como cota de participación.
Esta campaña terá comezo na segunda fin de semana de xaneiro e desenvolverase ao longo de seis quendas, segundo a distribución xeográfica. A entrada dos rapaces/as na estación será o venres antes do xantar e a saída o luns despois do xantar. O transporte dende a comarca, tanto de ida como de volta, está incluído na oferta; os puntos da comarca onde se efectuará a ida/volta notificaranse con suficiente anticipación, no portal de deportes da páxina web da Deputación da Coruña. A Deputación responsabilízase da maior parte dos gastos ocasionados pola actividade; transporte dende o punto de recollida en cabeceiras de comarca, estancia, manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos na estación e actividades varias.
Nesta campaña de neve 2025 ao Concello de CULLEREDO correspóndenlle 14 prazas na 2ª quenda a cal transcorre dende os días 17 ao 20 do mes de XANEIRO de 2025.
A ficha de inscrición e a autorización para comprobar os datos do padrón están dispoñibles para descargar ao final deste texto.