Sres/as concelleiros/as
Cidadanía en xeral
Inicio hoxe o segundo debate do Estado do Municipio, despois de non celebrarse o correspondente ao ano 2007 por motivo das eleccións municipais, de conformidade co establecido no Regulamento de funcionamento do Concello de Culleredo.
A celebración das eleccións municipais o 27 de maio de 2007, produce un cambio, tanto na composición dos grupos municipais, coa incorporación do grupo APdC, como na composición do grupo de Goberno municipal ao non conseguir ningún a maioría para gobernar en solitario.
O grupo maioritario tomou a iniciativa co fin de negociar un acordo de goberno co grupo municipal do BNG, que foi exposto e notificado aos demais grupos políticos, contemplando unha serie de compromisos programáticos que guían o labor cotián do equipo de goberno.
Asumín o compromiso con máis ilusión e plena dedicación, sen escatimar sacrificios, respectando en todo momento a decisión da cidadanía, tratando de administrar o mandato popular con todas as miñas forzas, co fin de que o pacto de goberno consensuado funcione correctamente, desenvolvendo os puntos programáticos que o sustentan, crendo firmemente que hai poucos pactos de goberno que estean a funcionar coa calidade e o grao de entendemento do noso.
Comprometémonos a impulsar unha administración ao servizo da cidadanía, na que a transparencia, a axilidade e a eficacia foran os nosos sinais de identidade e pouco a pouco estámolo a conseguir.
Para isto tivemos que adoptar medidas e chegar acordos co funcionariado e o persoal laboral, que día a día fan o labor administrativo do Concello, e conseguimos aprobar por unanimidade, e conxuntamente cos axente sociais, unha RPT, un acordo negociado e un convenio regulador das condicións de traballo.
Tamén impulsamos e melloramos a transparencia mediante tres medidas de peso:
- A participación de todos os grupos políticos en todos os consellos, comisións e mesas de contratación, sendo o noso o único concello de toda Galicia que puxo en práctica esta medida.
- A publicación do todos os anuncios de licitación de obras, contratación de persoal etc. do Concello.
- A posta en funcionamento dos consellos sectoriais de Participación Cidadá, outra vez máis, único concello en Galicia que ten este sistema.
En canto á axilidade e á eficacia aínda temos problemas, que esperamos corrixir con novas medidas e protocolos a seguir e que se porán funcionamento no 2009.
Fixemos un esforzo moi importante para chegar a aprobar os orzamentos, as ordenanzas fiscais, a conta xeral e a redución ao máximo do recoñecemento de obrigas, sendo un dos concellos que está a cumprir con maior rigorosidade nestes momentos, circunstancia que nos permite poder concorrer a todas as subvencións e proxectos da Comunidade Autónoma sen ningún impedimento.
Puxemos en funcionamento toda a maquinaria administrativa e política para facer posible a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aspecto que non era nada sinxelo, tendo en conta a situación contractual coa empresa Prointec. Penso, sinceramente, que se resolveu moi favorablemente para o Concello, procedéndose deseguido a facer o concurso de adxudicación da redacción do Plan, obter a subvención da Xunta para a súa redacción, estando esta ao día de hoxe xa asinada cunha nova empresa.
Desde o plano político conseguimos o informe anterior, preceptivo e vinculante de Aviación Civil sobre os efectos e servidumes do Aeroporto de Alvedro que, se ben non vale para o novo Plan, si sirve como liñas xerais a ter en conta na redacción deste con grandes garantías de axilidade e aprobación final do Plan.
Comprometemos o noso máximo esforzo na potenciación do transporte público e así o estamos a facer. Pasamos de facer unha achega de 50 mil euros no ano 2006 a 200 mil euros no ano 2008, pero non nos conformamos con facer achegas económicas, senón que igual que participamos activamente no primeiro convenio, neste segundo, que a Xunta aprobou nas súas liñas xerais, queremos traballar conxuntamente con todos os concellos cos que compartimos tráficos para conseguir un bo convenio e as melloras nas liñas de transporte por estrada que implementen os servizos actuais.
En canto a outros modos de transporte, esixiremos que se axilice a nova lei de transportes e a creación da Axencia Galega do Ferrocarril, así como e a potenciación doutros sistemas de transporte.
Sendo unha preocupación constante deste goberno a mobilidade e a redución da siniestralidade no noso Concello, foi o noso compromiso a realización dun estudo de accesibilidade e de eliminación de barreiras. Estamos en disposición, xa neste momento, de dicir que cumprimos ese compromiso moi por riba, de tal xeito que non só se fixo o Plan, senón que xa estamos a executar os primeiros proxectos:
- Mellora de accesibilidade na estrada da Ponte do Pasaxe ao Burgo.
- Mellora nas beirarrúas de N-550 e cruzamento da N-550 con Vicente Risco.
- Praza Sagrada Familia.
- Rúa Conduzo e Laxe.
Estes proxectos complementaranse con novos proxectos posibles grazas ao Plan Urban e aos acordos coa Deputación da Coruña.
A pesar da crise económica é vontade deste Goberno que antes do final da lexislatura estean concluídos todos os proxectos de accesibilidade, tanto nas rúas coma nos edificios municipais.
Un dos obxectivos fundamentais da nosa acción de goberno é a de conseguir o maior grao de ocupación da nosa cidadanía. Para isto traballamos en varias frontes:
a) Formación en xeral, mediante convenios.
b) Coa Xunta de Galicia (Plan Fip, Viraxe, Ponte)
c) Con empresas.
d) Con asociacións.
Máis de 1000 persoas nos anos 2007-2008 recibirán ou están a recibir formación para a súa efectiva incorporación ao mundo laboral, conscientes de que a verdadeira inserción social pasa por unha inserción laboral.
Durante o ano 2007 e o que levamos de 2008, instaláronse en Culleredo e obtiveron a licenza de actividade 35 novas medianas e pequenas empresas e 93 comercios, cafetarías etc. que xeraron ao redor de 500 empregos. Neste momento hai 10 licenzas máis en tramitación que xerarán mais de 800 empregos e 15 establecementos mais que xerarán outros 70 empregos máis.
Coa posta en funcionamento da Lei de dependencia e os equipamentos sociais das dúas galescolas e o Centro de día, crearanse outros 60 empregos directos máis.
Esperamos unha creación de 1.600 empregos no momento que estean materializadas as actuacións que mencionei, e tendo en conta a situación económica actual, parécenos un dato excepcional.
Neste momento o Servizo de Emprego do Concello tutela 3000 fichas, entre parados e solicitudes de mellora de emprego. Pódese apreciar nestes últimos meses un incremento do 2% con respecto ao ano pasado.
Continuamos a incrementar as políticas de Benestar no noso Concello, como un elemento irrenunciable para a cidadanía, conscientes das necesidades de familias e veciños do Concello, incrementando non só as contías económicas senón tamén a formación. Melloramos e ampliamos as instalacións e os servizos para a terceira idade e os discapacitados, incrementamos as actividades a desenvolver en todas as parroquias, eliminamos a listaxe de comedor sobre rodas e axuda a domicilio, xeramos transporte adaptado co fin de paliar os problemas de mobilidade dalgúns dos nosos veciños/as.
Comprometidos fondamente coa conciliación laboral e familiar, conscientes de que é un problema que afecta fundamentalmente á sociedade cullerdense, comezamos dando exemplo, facilitando a conciliación no acordo regulador das condicións de traballo do propio Concello, nas actividades que facemos e sobre todo acolléndonos ao Consorcio Galego de Servizos e Benestar Social que, co acordo xa materializándose neste momento coa creación de dúas galescolas en Vilaboa e O Burgo e o Centro de día do Burgo, vai facer realidade a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar e a posibilidade de incorporación de máis mulleres ao mundo laboral.
Os equipamentos sociais por importe de máis de 2 millóns de euros supoñen o maior investimento da historia de Culleredo neste tipo de equipamentos.
Estamos a traballar seriamente dun xeito transversal nas políticas de Igualdade, cun traballo real e efectivo, porque somos conscientes de que só a través do traballo desde a infancia pódense conseguir resultados importantes na loita contra as desigualdades e a violencia de xénero, para isto traballamos desde todas as concellarías, en colaboración coa sociedade civil de Culleredo, para previr e erradicar as actitudes machistas da nosa sociedade e para perseguir as posibles condutas violentas que se poidan dar.
Na área de Xuventude estamos a traballar con novas políticas que incentiven o cambio de hábitos na xente nova, que reduzan o fracaso escolar, o incremento da relación familiar e a educación e formación das familias, como recurso para evitar ou minimizar os problemas xeracionais.
Conscientes de que a problemática xuvenil é complexa e ampla, o Goberno municipal trata de abordala dun xeito positivo e global, de aí o traballo desde as distintas perspectivas (social, educativa, deportiva e formativa), porque sabemos que só desde unha óptica transversal podemos obter resultados positivos.
No ámbito educativo, non tivemos problemas de escolarización, xa que se procedeu a ampliar o colexio Sofía Casanova e a conseguir un maior aproveitamento dos recursos existentes no Colexio de Tarrío. Resolvéronse de xeito inmediato os problemas iniciais de comedor escolar, incrementáronse o número de prazas e especialidades en ciclos formativos, asentándose na Universidade Laboral a especialidade de Inglés.
O Consello escolar municipal está a funcionar correctamente e de acordo coa lei, sendo o único de Galicia nestas condicións, posto ademais como exemplo pola Xunta de Galicia.
O estado das escolas, tanto o estrutural como o do mantemento, son eloxiables, despois das sucesivas reformas que se levaron a cabo. Aínda haberá melloras en Tarrio cunha reforma en profundidade para adaptalo ao nivel de infantil e mellorando as dependencias de dirección, administración e o comedor.
Estamos, en definitiva, a cumprir todos os compromisos que se acordaron coa Xunta de Galicia en materia educativa.
No ámbito sanitario, melloráronse as dependencias do Centro de Saúde, xerando un arquivo e almacén de historias clínicas e medicamentos, reconvertéronse as clínicas de Pediatría, creáronse novas especialidades de Odontoloxía e Fisioterapia e incrementouse o número de profesionais sanitarios.
Procedemos á segregación e cesión á Xunta de Galicia da parcela de Fonteculler para a construción dun novo Centro de Saúde, do que temos promesa de construción durante o ano 2009 por parte da propia Xunta.
Ademais, participamos e organizamos xornadas de traballo con diferentes colectivos, co fin de colaborar con entidades socio-sanitarias e coa Xunta de Galicia, mediante o Plan de Drogodependencia; con APEN, nos temas de enfermidades mentais; e coa veciñanza, coa intención de modificar hábitos para a mellora da súa saúde.
Comprometémonos a potenciar aínda máis a Cultura e o Deporte e o estamos a facer. Creo, sen ánimo de pecar de petulancia, que en Cultura estamos a manter unha das programacións máis importantes e estables de Galicia, só superada e non en todos os casos, por algunhas das grandes cidades.
Cunha programación moi estable, temos as salas de exposición con listaxe de espera incluso, e nelas se está a dar cabida non só a artistas consagrados senón tamén a artistas novos, poñendo a disposición de todos as nosas salas. Se exhiben tamén nas nosas salas as mellores exposicións da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Caixa Nova etc.
Hai unha consolidación das escolas municipais culturais importante, cun incremento de participantes en todas elas.
Mantense unha programación estable nas actuacións teatrais en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta e a pesar da decisión da Deputación da Coruña de facer rotativa a colaboración de Casa Hamlet e non financiar a súa colaboración en Culleredo, o grupo de teatro mantense e a súa colaboración está a ser gratuíta.
As Xornadas de Historia están a ser un referente en Galicia, cunha consolidación evidente coa colaboración das universidades de Galicia.
Para manter este nivel, é necesario e urxente mellorar ou conseguir un espazo cultural que nos permita desenvolver novas actuacións.
Creamos a biblioteca dedicada a Uxío Novoneyra, incrementamos e melloramos a biblioteca de Vilaboa, con máis espazo, novos libros e novas ferramentas tecnolóxicas, e igualmente incrementamos as actividades que se desenvolven nas bibliotecas.
No aspecto deportivo, incrementamos como nunca nun ano os investimentos en equipamentos deportivos, resolvendo situacións de carencias nalgunhas parroquias. Superamos os dous millóns de euros na construción da polideportiva de Almeiras, na dotación de herba artificial do campo de fútbol do Burgo, na construción do polideportivo cuberto da Ría do Burgo, nos novos vestiarios no campo de Rutis, no arranxo de cinco polideportivos descubertos, e na reconversión do campo de fútbol de Sésamo nun centro polideportivo.
Asináronse convenios de colaboración cos clubes de balonmán e de baloncesto de Culleredo e co fútbol sala Sofía Casanova así como con deportistas a nivel individual para promocionar o deporte, conseguíndose neste momento un grao de participación deportiva en todas as categorías salientable.
Desde o punto de vista da Seguridade, déronse pasos importantes para conseguir un municipio máis seguro. O Goberno do Estado creou o cuartel da Garda Civil de Culleredo, rompendo unha tradición secular de permanencia do Concello fóra dos circuítos de cuarteis da Garda Civil, unha promesa feita realizada coa colaboración da Consellería da Presidencia da Xunta e que algúns pensaron que ía ser unha nube de verán.
No Acordo negociado cos traballadores municipais contémplase igualmente un aumento do cadro de persoal da Polícia Local, co fin de cumprir as recomendacións da FEMP de dispoñer dun policía por cada 1000 habitantes.
A posta en funcionamento do cuartel da Garda Civil permitiu, ademais, unha redistribución das patrullas da Policía Local que posibilitou un incremento substancial de horas de patrulla a pé (ata 1500 horas).
En canto ao tipo de intervencións, salientar que houbo un lixeiro descenso no número de accidentes e de denuncias polas infraccións á seguridade viaria, pero neste aspecto hai que lamentar os reiterados atropelos nos pasos de peóns, feito que nos debe levar á súa análise e ás causas dos mesmos.
As actuacións do guindastre incrementáronse debido ao traballo de retirada de vehículos abandonados e á maior presión policial en paradas de bus e dobre fila.
Diminuíron tamén significativamente as actuacións contra o medio, grazas fundamentalmente á extensión importante da rede de saneamento no territorio do municipio.
Igualmente existe un descenso das actuacións en materia de Seguridade Cidadá, especialmente nas referentes a conflitos entre particulares, pero aumentan as de intervencións de alarmas e ruídos.
O número de delitos, faltas e infraccións incrementouse con respecto ao 2007, en parte debido ao aumento de poboación, pero tamén coa aparición de infraccións novas vinculadas á inmigración ilegal e a unha maior presión dos corpos e forzas de seguridade sobre o tráfico de drogas.
Podemos apreciar tamén un descenso nos delitos de violencia de xénero.
En canto ao esclarecemento dos delitos ou faltas, mantémonos nas medias dos anos precedentes, é dicir, sobre un 40%.
Ademais, a posta en funcionamento do GRUMIR permítenos unha maior e mellor atención ás demandas cidadás en actuacións rápidas (accidentes, incendios...) e na entrada e saída dos colexios, estando a prestar neste tipo de accións un apoio inestimable.
O grao de benestar da cidadanía mídese en función dos servizos básicos de que dispón e da resposta na solución dos problemas cando se producen incidencias e alteracións no seu funcionamento.
Un dos servizos que máis tempo ocupou e ocupa ao equipo de Goberno e a dotación do servizo de saneamento a todos os núcleos do Concello, co fin de eliminar os verquidos aos ríos e á ría. Con este fin estamos a incorporar os correspondentes proxectos en varias solicitudes de financiamento á Xunta de Galicia e outros a incluír nos Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña e nos propios plans de obras do Concello, de tal xeito que a día de hoxe, podemos adiantar que revisamos e arranxamos todas as deficiencias de saneamento e pluviais da zona de Vilaboa, Fonteculler, O Burgo, Almeiras, Alvedro e Tarrío. A Xunta de Galicia taponou as posibles saídas de Fricosa á ría e autorizou á Bunge un vertido provisorio dentro dos parámetros esixidos que esixe a propia Xunta. Pensamos que nesas zonas podemos estar moi tranquilos. No resto da zona rural estanse a acometer as obras de saneamento de Outeiro de Arriba e de Outeiro de Abaixo, de Sueiro e as dunha parte de Cillobre e Ledoño, estando cada máis cerca de conseguir o saneamento integral no ano 2010.
Igualmente neste momento xa dispoñemos do proxecto de descontaminación e consolidación das estruturas da antiga fábrica Cros, prevéndose a súa licitación no 2009.
En canto ao abastecemento de auga, a espera da aprobación pola Xunta do Abastecemento de auga a Castelo, acometéronse as obras de abastecemento a vivendas illadas da Zapateira, melloráronse as redes de Conduzo, Laxe, Tarrío e Acea de Ama, e duplicouse a capacidade do bombeo de Liñares.
A capacidade de resposta que estamos a dar en incidencias de obstrucións do saneamento e roturas da rede de auga están na media hora.
Outro dos servizos nos que había máis queixas nos anos anteriores era o da deficiente subministración de enerxía eléctrica nas zonas rurais, hoxe practicamente inexistente, como consecuencia do importante traballo que a Consellería de Industria desenvolveu, obrigando á realización de diversas obras en Ledoño, Veiga, Castelo, Rumbo e Almeiras á empresa subministradora en colaboración coa Consellería.
Desenvolvimos nos anos 2007 e 2008 unha completa renovación dos espazos urbanos (parques e prazas), con investimentos superiores a 400 mil euros que melloraron substancialmente as actuacións que afectaron ás prazas de Santa Gema, Castelao, Sagrada Familia, Praza Europa, Praza Galicia e ao parque da Igrexa de Vilaboa. Continuaremos con esta política no 2009.
Realizamos un esforzo importantísimo na pavimentación, sinalización e mellora das nosas estradas, actuacións que levaría bastante tempo enumeralas, cambiando a percepción da cidadanía sobre as mesmas, segundo se observa nas enquisas que a empresa Idom fixo para a Axenda XXI. Pero non estamos totalmente satisfeitos e temos que seguir traballando para mellorar o firme, os puntos perigosos e a sinalización dos mesmos, co fin de evitar os máximos accidentes posibles.
Desenvolveremos un Plan de mellora de estradas e de construción e adaptación de beirarrúas e sendas peonís que conduzan a conseguir un concello accesible, libre de barreiras e seguro. Para isto redactaremos o PEMUS de Culleredo do que xa estamos solicitando a súa tramitación no Ministerio de Fomento.
No ano 2007 e 2008, conseguimos coa axuda dos grupos políticos galegos no Parlamento español, que se licitara e adxudicara a obra de infraestrutura máis necesaria e de maior orzamento desde a construción da autoestrada: a conexión da terceira ronda co aeroporto e a autovía A-6. Todos considerabamos esta obra no debate do 2006 como crucial na articulación da área metropolitana, xunto coa Vía Ártabra, e hoxe podemos dicir que a obra se está a executar en prazo, polo que xa podemos albiscar a posibilidade de ter a cidade máis cerca e a liberación duns 17 mil vehículos que non pasarán por Vilaboa.
Neste mesmo ano estanse executando obras de mellora da seguridade viaria noutra das vías de maior conxestión de tráfico do Concello, da Ponte da Pasaxe ao Burgo, convertíndose nunha auténtica travesía que mellorará fondamente a seguridade e esperamos que tamén o tráfico. Contamos con que no 2009 se licitará o tramo igrexa do Burgo-rotonda da autoestrada en Cambre que mellorará a seguridade e o tráfico, deixando de ser o semáforo do Paraugas o punto negro de retención dos vehículos.
Tamén a primeiros de xaneiro inícianse os traballos de execución da rotonda na Telva que mellorará o acceso ao polígono industrial, unha vez que se superen os atrancos que apareceron coas diferentes empresas de servizos.
Estamos pois conseguindo os investimentos máis importantes en estradas de titularidade autonómica, que melloran substancialmente a seguridade e a mobilidade, saíndo do esquecemento ao que estabamos condenados desde hai anos.
Un dos obxectivos fundamentais que pretendía o Goberno municipal era o do fomento da vivenda pública, dedicando o noso patrimonio á construción de vivenda, promesa que estamos a cumprir coa construción de 42 vivendas en aluguer e para as que proximamente aprobaremos as bases para que a cidadanía de Culleredo que cumpra as condicións, poidan solicitalas.
Recentemente a Consellaría de Vivenda presentou o Plan de Solo residencial de Galicia, asignando a Culleredo a posibilidade de construción de 1.100 vivendas de protección oficial e vivenda libre. Consideramos este plan necesario e intentaremos consensualo coa Consellaría, co fin de que os seus obxectivos e o desenvolvemento de Culleredo sexan coincidentes, xa que dos datos os que dispoñemos do plan ata o de agora están na liña das peticións presentadas polos cidadáns de Culleredo e da área.
Ademais, nunha época na que a crise da construción é tan forte, dificilmente a iniciativa privada pode desenvolver ámbitos tan amplos, que permitan as cesións obrigatorias necesarias de zonas verdes e equipamentos necesarios para dar servizos ao crecemento previsible.
Antes do día 19 faremos un pleno, co fin de aprobar as alegacións necesarias para conseguir un acordo coa Xunta e favorecer o desenvolvemento do mesmo.
Conseguimos os certificados de cumprimento da normativa de 54 parques infantís municipais e instalamos sete parques biosaludables adaptados, tanto para persoas maiores como para calquen cidadán, sempre que cumpra a normativa de uso dos mesmos.
Iniciamos a loita contra a contaminación lumínica cunha substitución gradual dos farois. Introducimos tamén un control de redución de fluxo, pero aínda queda moito que facer e seremos nesas dúas medidas constantes. Introduciremos a substitución da luminaria por tecnoloxía led, alí onde sexa posible, do mesmo xeito que o fixemos coa rede semafórica do Concello. Faremos todo isto coa intención de cumprir cos compromisos de sustentabilidade que prevé a Axenda XXI en redacción, e para reducir o consumo e a tarifa eléctrica que crece exponencialmente como gasto insustentable no futuro.
Dun xeito paralelo incrementaremos o control de eficiencia e de sustentabilidade nas construcións e edificios municipais implantando, de ser o caso, enerxías alternativas máis limpas.
Desde o punto de vista económico, superamos o foxo de 2005 e 2006 nunha situación difícil, no que todos os datos auguraban unha saída complicada, tendo en conta a campaña de eleccións municipais, pero fomos quen de poñer os medios necesarios para superar a difícil situación. Hoxe podemos afirmar que temos unha boa saúde económica, liquidamos os dous últimos orzamentos con resultados moi positivos e cun endebedamento inferior ao 40% do 110% posible, coa posibilidade, se o Goberno o permite, de incrementalo por riba do plan de estabilidade financeira, xa que cumprimos escrupulosamente co mesmo.
Traballamos para mellorar a recadación dos tributos e conseguir as transferencias de capital e de investimentos necesarias para non só manter o nivel de servizos, senón o seu incremento.
Reducimos drasticamente os gastos superfluos e incrementamos os gastos de mantemento dos servizos, dada a creación de novas aulas, novos parques e novas instalacións municipais. Por isto teremos que pensar ata donde é posible continuar co incremento de zonas verdes ou modificar o tratamento dos espazos públicos.
A boa saúde económica permítenos manter unhas puntas de tesouraría ao longo de 2008 importantes, non tendo ningún problema, tal e como está a acontecer noutros concellos, de facer fronte aos nosos compromisos económicos.
Non obstante non se pode baixar a garda e temos que mellorar aínda máis non só nos aspectos recadatorios e na súa xestión, senón na capacidade de xestionar e axilizar as contratacións de servizos importantes para o Concello.
A situación de crise económica que afecta á sociedade vaise sentir nas arcas do Concello e xa comeza a visualizarse nos ingresos nalgunhas taxas e impostos, aínda que o peor chegará no 2009.
Considero que as medidas adoptadas pola Xunta, Deputación e as últimas do Estado van na boa dirección, o que permitirá manter o nivel de investimento e a liquidez necesaria, pero a cautela ante un posible deterioro nos debe levar a confeccionar e aprobar uns orzamentos nada expansivos. Cumpriremos escrupulosamente cos compromisos adquiridos na aplicación do convenio co persoal e cos programas comprometidos.
O ano 2008 recordarase como un gran ano para Culleredo: por primeira vez contamos cun programa europeo ao Urban, que reportará ao Concello tres millóns de euros en investimentos, necesarios para a resolución de problemas ancorados desde hai anos dos que xa dimos conta en reiteradas ocasións.
Participamos por primeira vez nun programa conxunto cos demais concellos de Dinamización Turística, que dará un pulo importante á nosa área metropolitana, nun sector que temos que mimar, xa que cada vez máis ten un peso importante no PIB galego e ademais servirá para vender, por primeira vez, unha oferta turística única de 10 concellos.
Estamos novamente nun grupo de desenvolvemento rural máis amplo do que tivemos os últimos anos, o que vai dificultar un pouco máis a súa materialización e reduce os recursos para o Concello. Por isto temos que poñer mais imaxinación se cabe, para obter recursos e fomentar a participación de empresarios e particulares para que aproveiten os seus recursos e para que teñan un efecto multiplicador no desenvolvemento rural.
Máis difícil se cabe vai a ser a obtención de recursos no Plan costeiro, dada a heteroxeneidade e a falta de experiencia no desenvolvemento e materialización do mesmo.
Concelleiros/as
Veciños/as:
O balance que acabo de presentarlles presenta un saldo claramente positivo, Culleredo non é a panacea nin está exento de riscos e de necesidades, pero se nos comparamos con concellos similares, creo sinceramente que a nivel global estamos nunha boa situación, conseguimos un bo nivel de servizos e de infraestruturas sen incrementar a presión fiscal por riba do IPC.
Os cullerdenses e as culleredenses podemos estar tranquilos e esperanzados, porque o Concello goza de boa saúde, hai diálogo político, abriuse a participación dos grupos políticos e da cidadanía a través das asociacións máis representativas nos diversos consellos sectoriais e o pacto de goberno funciona con absoluta normalidade e con excedente saúde.
Desde o punto de vista económico, estamos en situación de facer fronte aos nosos compromisos en todos os programas que participamos e o noso nivel de investimentos é suficiente para seguir mellorando os servizos que demanda a cidadanía.
Seguiremos a traballar no Consorcio das Mariñas, para posibilitar que sexa o órgano que aglutine a todos os concellos da área, coordine as infraestruturas e servizos e sexa o embrión da futura Área Metropolitana.
O equipo de goberno seguirá a traballar para conseguir materializar o programa electoral e o acordo do pacto de goberno subscrito entre as dúas forzas políticas do PSdeG e BNG.
MOITAS GRAZAS
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER