O Concello de Culleredo tramita a contratación da recuperación da contorna da histórica igrexa de Santiago do Burgo. A mesa de contratación reuniuse o pasado xoves para abrir o sobre coa documentación administrativa das firmas que se presentan. Un total de 31 empresas optan á adxudicación.
En total, o investimento para pór en valor uno dos principais monumentos do municipio ascenderá a máis de 380.000 euros, que serán cofinanciados entre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e as arcas municipais. Dado que os traballos afectan ás inmediacións dun elemento catalogado pola Xunta, resultou necesario recibir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.
O obxectivo do Concello consiste en efectuar un cambio integral do espazo coa finalidade de pór en valor a igrexa e crear unha contorna agradable para os veciños de todas as idades no centro do Burgo. Para iso efectuarase un tratamento tanto do atrio como da zona próxima ao templo coa colocación de lousas de granito, en conxunción coas características da paisaxe galega. O peche orixinal do atrio mantense e procederase a limpalo e colocar unha albardilla de granito para que poida ser utilizado como banco corrido nas zonas máis baixas.
Coa recuperación da contorna, o Concello favorecerá a visibilidade da igrexa, ao despexar o seu espazo inmediato. Partindo do mesmo obxectivo de destacar o conxunto e a edificación eclesiástica, eliminarase o cableado e as columnas de subministración eléctrica, colocando un novo sistema de luz indirecta para destacar os diversos elementos arquitectónicos do templo.
No lateral do atrio paralelo á estrada que vai cara ao Temple, a AC-211, substituirase a varanda existente por outra de pletinas de aceiro galvanizado, cun deseño sinxelo que se adapta á contorna e facilita a visión da igrexa. O muro de formigón repararase e recibirá un chapado de mampostería. As zonas exteriores do muro serán eliminadas e crearanse terrapléns axardinados para que desapareza a imaxe dura que ofrece agora.
En canto á rúa San Iago, paralela ao peche orixinal e que funciona como vía de acceso ás vivendas posteriores, requirirá un proceso de rehabilitación, partindo desde a súa pavimentación. A actuación continuará no espazo situado enfronte da igrexa, alén da AC-211. Alí realizarase unha praza elevada, con zonas duras empedradas e zonas verdes de descanso. O paso de vehículos para acceder aos vaos será permitido. Na calzada levará o mesmo tratamento para facilitar a conexión entre as dúas parcelas.
O proxecto non descansará no embelecemento e reforzo da imaxe do conxunto da igrexa. O Concello aproveitará para crear un novo lugar de esparexemento na parroquia do Burgo. A praza aberta fronte ao atrio actuará de nexo de unión entre a igrexa e un conxunto de zonas verdes, áreas de descanso e xogos infantís, todos protexidos mediante un conxunto de vexetación.
Como en todas as intervencións na vía pública que leva a cabo, o goberno local cullerdense coidará mediante a obra as normas de accesibilidade. Así, os peóns poderán camiñar con seguridade xa que se salvarán os niveis existentes.