O Concello de Culleredo informa de que a obra que leva a cabo no núcleo de Vinxeira, consistente na construción de novos accesos e servizos, completarase nun mes. Este anuncio efectúase tras a reunión mantida entre técnicos do Concello, representantes da empresa adxudicataria dos traballos e o director da obra.
A actuación consiste no acondicionamento de dúas estradas que farán que Vinxeira xa non sexa un núcleo dunha soa entrada e saída. A maiores da xa existente, o Concello conectará a localidade coa estrada que leva a Celas, por unha banda, e coa que leva a Castelo, pola outra, permitindo así aos residentes unha comunicación con dúas das localidades próximas de maior entidade.
Estes traballos incluirán a pavimentación de 900 metros de camiños e a construción dunha ponte sobre o regacho que discorre xunto ao pobo. No caso da conexión de Vinxeira coa ligazón a Castelo, a obra inclúe pavimentación e acondicionamento das cunetas. No caso da conexión de Vinxeira coa ligazón de Celas, ademais de pavimentar o camiño construirase rede de saneamento.
Até o momento, a empresa xa concluíu a dotación do servizo de saneamento á aproximadamente a metade do núcleo, que até agora non dispuñan da recollida de fecais por gravidade. Serán 300 metros novos de colectores que servirán para completar o saneamento de Vinxeira. Agora atópase inmersa na construción da ponte e na urbanización da contorna.
En total, o Concello de Culleredo dedica 279.000 euros á obra. O alcalde, Julio Sacristán destaca que os novos accesos mellorarán sensiblemente a comunicación para os veciños de Vinxeira, tanto a pé como mediante vehículos xa que até agora resultaba impracticable. Coa dotación do saneamento, o goberno local prosegue coa súa política de que todos os veciños do municipio poidan dispor a medio prazo dun servizo básico como este.