O Concello de Culleredo executa unha renovación de parte dos equipamentos que dispón o paseo marítimo do Burgo, zona verde referente no municipio e na comarca da Coruña e pola que pasan a diario centos de cidadáns. Así, o plan de actuación do goberno local que preside Julio Sacristán pasa por modernizar instalacións proporcionando maior servizo aos usuarios.
As obras acaban de comezar e inclúen melloras en boa parte dos equipamentos que dispón o paseo marítimo, na zona do Burgo e A Cros. As pistas polideportivas existentes son un dos recintos que se remodelarán. Actualmente, as infraestruturas carecen de iluminación, polo que o Concello instalará puntos de luz que permitirán que se amplíe o seu horario de uso.
Nas tardes e fins de semana son moitos os nenos e mozos que practican deporte nestas pistas. A nova iluminación admitirá tanto que se acenda e apague en conxunto coa iluminación pública como que estea regulada por temporizadores e pulsadores na propia pista.
Xunto ás pistas emprázase un parque infantil, ao que tamén se dotará de iluminación para facilitar o seu uso acotío. As luminarias serán de carácter antivandálico.
Outro dos puntos de actuación serán os aseos e a zona das pérgolas. Nos servizos limparanse as pintadas, repararase a cuberta e as portas, instalaranse 12 novas xanelas fixas e renovarase a electricidade e a fontanaría. Na zona das pérgolas repararase o asfalto, que se foi levantando co paso dos anos.
En total, o Concello de Culleredo destina máis de 80.000 euros para o proxecto de mellora do paseo marítimo. A duración estimada da obra, que se iniciou na contorna do parque infantil, é dun mes e medio.
O alcalde de Culleredo aposta por facer da contorna da ría do Burgo un centro neurálxico do lecer e da promoción económica do municipio. Coa creación do recinto multiusos xunto á ponte do Burgo, Culleredo dispón dun lugar "excelente e privilexiado" para a organización de eventos. Ademais, a gran superficie verde, xunto co xardín botánico ou a aula da natureza, fan do lugar un punto idóneo para a práctica do deporte e a realización de actividades educativas e deportivas.