O Concello de Culleredo informa aos veciños e veciñas que, aqueles que teñan un caso de Alzheimer ou outra demencia na súa familia, teñen a súa disposición o servizo de apoio e atención ás persoas en situacións de dependencia. Este servizo conta coa prestación de axuda no fogar (que na actualidade ofrece xa máis de 30.000 horas de servizo ao ano), a tramitación do programa “Xantar na casa”, a “Lavandaría sobre rodas” e o préstamo de axudas técnicas.
Ademais o Concello, desenvolve con periodicidade Grupos de apoio a coidadores de familiares como unha medida informativa e formativa, e fundamentalmente preventiva. Está demostrado que se o coidador non se coida ten un risco importante de enfermar.
Con motivo da celebración mañá día 21 de setembro do “Día Mundial do Alzheimer”, a Concellaría de Benestar e de Sanidade do Concello de Culleredo dirixidas polas nacionalistas Raquel Jabares e Rocío Sampedro, queren manifestar a solidariedade coas persoas e familias que padecen esta problemática.
A data do “Día Mundial do Alzheimer”, foi elixida pola Organización Mundial da Saúde e a Federación Internacional de Alzheimer. O propósito desta conmemoración é dar a coñecer a enfermidade e difundir información ao respecto, solicitando o apoio e a solidariedade da poboación en xeral.