O Concello de Culleredo non paralizará a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal pola anunciada revisión por parte do Ministerio de Fomento do Plan Director do Aeroporto de Alvedro. O PXOM cullerdense atópase actualmente en fase de redacción e o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, prevé aprobar o documento en 2012, con independencia do estado da revisión do plan do aeródromo.
"Non podemos esperar máis para a aprobación do plan de ordenación urbana", destaca. O rexedor aposta por efectuar unha modificación puntual do mesmo, cando estea vixente, no momento en que se aprobe a revisión do mencionado Plan Director de Alvedro, actualmente en estado de documento previo. O PXOM non podería adaptarse á proposta de revisión en tanto non estea aprobada.
O alcalde xa se entrevistou con Aviación Civil para concretar as servidumes do actual Plan Director, en vixencia, no Plan Xeral de Culleredo. O equipo redactor do documento atópase agora plasmando ditas afeccións no texto.
O Concello de Culleredo atópase en período de avaliación da proposta de revisión do Plan Director e das diferentes alternativas que suxire para algunhas das actuacións. A intención do goberno local pasa por presentar as observacións oportunas para que Fomento opte polas vías que menos incidencia causen nos veciños e no territorio cullerdense.
Basicamente, son dous as intervencións de maior transcendencia neste sentido. Por unha banda atópase a ampliación até 150 metros de ancho a cada lado do eixo da pista. Isto podería implicar ben a desviación da Nacional 550 ou ben a construción dun túnel. A primeira podería afectar a varias vivendas no tramo Alvedro - A Regueira - A Choeira, ademais de necesitar uns fortes muros de contención, polo que o Concello aposta pola opción do túnel, de menor incidencia.
Doutra banda, a ampliación da plataforma para aeronaves podería afectar o lado da Hermida, segundo unha das alternativas da proposta de revisión do Plan Director, a varios inmobles e ás rúas Cega, Polvorían e á propia estrada provincial.
O Concello de Culleredo quere facer un chamamento á tranquilidade dos veciños posto que a revisión do Plan Director non expón aínda ningunha expropiación dado que son diversas as alternativas que contempla. No entanto, nos próximos días, o alcalde manterá reunións cos grupos políticos da corporación co obxecto de acordar as opinións do Concello ao Plan Director. A intención de Sacristán é que as observacións a presentar sexan aprobadas polo pleno.
Doutra banda, o rexedor tamén manterá encontros cos veciños que en principio poderían verse afectados pola revisión do Plan Director, coa intención de explicarlles o proceso e facilitarlles a máxima información posible.
Finalmente, o primeiro edil explica que segundo o documento previo de revisión, o ministerio elimina a construción da rúa de rodaxe que contiña o actual Plan. Isto é debido a que ao ampliar a pista vaise a crear unha raqueta na cabeceira que facilita que os avións xa non se interrompan nas súas operacións.