O Concello de Culleredo contratará por 20 anos o mantemento preventivo e correctivo da rede de saneamento e bombeos do municipio. A Comisión Informativa aprobou os pregos que rexerán o contrato, que se sacarán a concurso nas próximas datas.
A concesión do servizo incluirá os 207 quilómetros de tubaxes coas que conta a rede de saneamento e rede de sumidoiros de Culleredo, así como os 6 bombeos de augas residuais, situados en Alvedro, Acea de Ama, Fonteculler, Tarrío, Orro, Cabana e Castelo. Estas instalacións requiren unha vixilancia e mantemento permanentes que aseguren o seu correcto funcionamento e conservación.
O obxectivo do Concello consiste en reducir ao máximo atasques e deterioracións na rede de sumidoiros e garantir o funcionamento dos bombeos. Desta forma poderanse evitar as verteduras á ría e aos ríos por motivo de fallos no sistema.
Outra das finalidades que persegue o goberno local que preside Julio Sacristán consiste en reducir as filtracións de auga dos ríos e da choiva ao saneamento. "Hai que evitar que chegue a auga limpa aos bombeos porque só supoñen un custo e unha carga innecesaria", apunta o alcalde.
Sacristán cualifica de "imprescindible" a concesión do servizo para "atender eficazmente ás avarías e necesidades que xurdan". O rexedor asegura que Culleredo disporá dun "sistema moderno" de mantemento, que ademais prestará servizo ás comunidades de veciños ante eventualidades que lle xurdan no seu sistema interior.
A concesionaria terá que ofrecer, entre outros, os seguintes servizos:
- Atención ao usuario, elaboración e mantemento do padrón de abonados, lectura de contadores e emisión e cobro dos recibos pola taxa de servizo de saneamento. A facturación será trimestral, emitindo unha factura personalizada a acada abonado que se enviará ao seu domicilio
- Limpeza periódica de pozos e retirada de lodos, sólidos e flotantes dos pozos de rede de sumidoiros
- Mantemento preventivo e correctivo das instalacións
- Conservación das instalacións
- Labores de vixilancia para poder desenvolver con eficacia os servizos de explotación e mantemento
- Análise das características e parámetros de funcionamento das instalacións, en particular das hidráulicas, os bombeos e electricidade, así como a optimización do seu rendemento.
- Actuacións urxentes que sexan necesarias para o bo funcionamento das instalacións, ordenadas polos servizos técnicos municipais
- Traballos de limpeza e conservación das instalacións
Dado que todas as instalacións teñen a necesidade de funcionamento continuado durante as 24 horas do día e os 365 días do ano, a empresa terá que axustarse a este horario para os servizos urxentes, a reparación de avarías, e os servizos de vixilancia.
A concesionaria abrirá unha oficina comercial, para a atención do usuario, nun lugar céntrico do Burgo ou de Acea de Ama. Estará aberta ao público de luns a venres en horario de mañá e tarde. Tamén habilitará un local para almacén, garaxe e taller no territorio cullerdense.
Para o servizo disporá dun camión especial, impulsor-succionador, para a limpeza da rede de saneamento dotado de dous depósitos independentes, un de auga limpa e outro para acumulación do succionador. Tamén contará cun equipo audiovisual para a inspección das redes, así como demais camións e vehículos lixeiros, equipos de seguridade e equipos de alta presión.