O monte Alfeirán cambia de cara. As máquinas traballan na rede viaria deste espazo, pertencente á parroquia de Rutis, para arranxar as principais rúas, conferíndolles un aspecto renovado e mellorando substancialmente a seguridade viaria.
Trátase dunha dos principais investimentos que leva a cabo o Concello de Culleredo no ano 2011. Cunha contía de 120.189,41 euros, o Concello renova o firme das rúas:
- Castelao
- Álvaro Cunqueiro
- Pardo Bazán
- Eduardo Pondal
- Rosalía de Castro
- Benito Vicedo
- Xosé Neira Vilas
A realización destas obras implica o corte provisional destes viarios, que a empresa adxudicataria sinaliza convenientemente para evitar molestias aos veciños.
O goberno local que preside Julio Sacristán apostou pola mellora integral das rúas do monte Alfeirán tendo en conta de que o firme se fora deteriorando co paso dos anos, o que dificultaba a circulación normal.
Estas obras no monte Alfeirán únense ao pintado da subida xa acometido polo Concello. Con esa actuación pretendíase proporcionar maior seguridade viaria aos condutores e peóns, evitando a invasión do carril de circulación contrario.
O plan de mellora do firme da rede viaria municipal tamén abarca outras zonas como o núcleo de Pena Loureira, tamén na parroquia de Rutis. Neste caso, o Concello asfaltará a vía que comunica con Castro.
Con todo, antes de comezar os traballos, o goberno local quere que todos os residentes da zona conecten os seus inmobles coa rede de sumidoiros pública, para evitar ter que acometer obras cando o firme xa estea reposto. A este fin, a empresa de augas, Gestagua, comunicou aos propietarios a súa obrigación de facer uso da rede municipal.