O Concello de Culleredo proponse mellorar a recadación da taxa pola utilización privativa no chan, subsolo e voo das vías públicas por parte das empresas explotadoras de servizos de subministracións de interese xeral. Até agora, a competencia da súa xestión e control recaía na administración cullerdense, pero o equipo de goberno proporá ao pleno delegala na Deputación da Coruña dado que dispón de mellores recursos.
Na actualidade, a capacidade de inspección por parte do Concello resulta moi limitada, co que se dan por bos os resultados que declaran as empresas explotadoras. Con todo, tal e como informou por escrito o presidente da Deputación a principios deste mes, o órgano provincial si conta con capacidade de inspección e dispón da información debido aos recursos e medios cos que conta.
Por iso, o grupo de goberno que preside Julio Sacristán aposta por facer uso desta proposta de colaboración, co convencemento de que un efectivo labor de inspección revertería de forma positiva na recadación da taxa.
Isto afectará as empresas que explotan subministracións de primeira necesidade para a cidadanía, como o gas, electricidade, a auga ou a telefonía fixa. Tal e como marca o decreto lexislativo 2/2004 do 5 de marzo, o importe a percibir polo Concello "consistirá, en todo caso e sen excepción algunha, no 1,5 % dos ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan anualmente en cada termo municipal as referidas empresas".
Esta delegación na Deputación incluirá tamén o suposto especial da telefonía móbil, non regulada por este decreto.
O pleno debaterá a proposta na sesión ordinaria que terá lugar o vindeiro xoves 24 de novembro.