Con motivo do Día Mundial da loita contra a SIDA que tivo lugar o 1 de decembro, o Concello de Culleredo lanzou unha campaña divulgativa co obxecto de sensibilizar á poboación sobre o VIH-SIDA. Co lema “Frear a transmisión do VIH é cousa nosa”, o Concello pretendeu dar cobertura a dous obxectivos: dunha banda sensibilizar á poboación xuvenil sobre as prácticas de risco, e doutra banda informar e sensibilizar á cidadanía e, en particular, á poboación migrante, sobre a posibilidade da realización de probas de detección rápida de VIH en saliva.
Dende a Casa da Mocidade, a concellaría que preside Marta Iglesias, se dispuxo un amplo despregue divulgativo. Houbo puntos informativos no IES Blanco Amor; na Universidade Laboral; no Centro de Formación Pablo Picasso; nos Centros sociais de Orro, Tarrío e Celas de Peiro; no Conservatorio de Música, Edificio de Servizos Múltiples, Casa da Xuventude; e na propia Casa Consistorial.
Tamén se colocaron puntos informativos nos lugares de ocio habituais dos mozos e mozas cullerdenses Así, contaron con mesas en 10 pubs, cafetarías e bares do Concello. Nestas mesas achegouse material de divulgación para a prevención da Sida.
A Concellaría de Sanidade, dirixida pola nacionalista Rocío Sampedro, centrou a súa actividade na colaboración coa organización Ecos do Sur na divulgación da proba rápida da saliva, para a que a asociación está acreditada pola Consellería de Sanidade. Aínda que a información vai dirixida a toda a poboación, foron as persoas migrantes o colectivo de incidencia, xa que, aínda que este representa o 4% da poboación galega, en casos de VIH ascende a un 18%. Estímase ademáis que un 25% dos infectados por VIH na comunidade autónoma aínda non o saben.
A proba é unha técnica que constitúe un primeiro test pero que necesita confirmarse posteriormente cunha análise de sangue. Esta información deuse pola mañá na sede da Asociación Mestura de Culleredo, edificio Electo Carballo de Fonteculler, en horario de 10:00 a 12:00 h; e pola tarde, de 16:30 a 18:30, no Paseo Marítimo de O Burgo.