O Concello de Culleredo e a asociación Parkinson Galicia emprenden unha campaña de sensibilización comunitaria para achegar o coñecemento da enfermidade de Parkinson á poboación. Nos vindeiros días, as dúas institucións realizarán unha serie de actividades conducentes a achegar esta doenza á sociedade cullerdense.
A campaña pretende ademais dar a coñecer os servizos que, mediante un convenio de colaboración asinado en 2010, teñen postos en funcionamento en Culleredo. Trátase dun servizo de fisioterapia e recentemente de logopedia, con capacidade para a atención a 15 persoas.
A campaña iníciase mañá, venres 20 de abril, coa instalación dunha mesa informativa no Centro comercial Gadis Hiper de O Burgo. Desde as 10.00 horas estará disposto este punto de información, e farase unha cuestación para recadar fondos que axuden ao mantemento destes servizos de atención.
Posteriormente, o luns, 23 de abril, no Pazo de Vila Melania de Vilaboa, ás 19.00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre a enfermidade. Rocío Sampedro, concelleira de Sanidade de Culleredo, Ana María Vidal, presidenta de Parkinson Galicia-Coruña, xunto con Sandra García Sánchez e Belén Castro Rey, fisioterapeuta e logopeda respectivamente da asociación, participarán para abordar distintos aspectos da enfermidade de Parkinson.