O mércores, 10 de outubro, no Paseo Marítimo do Burgo, en horario de 17.00 a 19.00 horas, o Concello de Culleredo e a Asociación Bipolar de Galicia (ASBIGA), levaran a cabo unha xornada informativa sobre o trastorno bipolar, unha enfermidade pouco coñecida pola poboación, que está salpicada de falsos mitos, como ocorre na meirande parte de enfermidades psíquicas.
A iniciativa terá lugar a mesma data na que se celebra o Día Mundial da Saúde Mental que, aínda que este ano está dedicada a depresión, o Concello e Asbiga optaron por sensibilizar a poboación cullerdense sobre o trastorno bipolar.
O goberno local sinale que, desde os equipos de Benestar Social vense traballando con bastantes persoas que teñen esta enfermidade, polo que a colaboración con Asbiga é fundamental para poder incrementar os servizos de apoio.
Na mesa informativa contarase con César Salgado García, representante da asociación galega ASBIGA na comarca coruñesa, e outro persoal colaborador da asociación. Por parte do Concello estarán informando profesionais da Concellaría de Sanidade de Culleredo, e a titular do departamento: a concelleira Rocío Sampedro Díaz.