A remodelación da estrada autonómica AC-215 (avenida Electo Carballo), que une A Corveira con O Portádego, constitúe unha vella demanda dos veciños da zona e do Concello de Culleredo. A necesidade de incrementar a seguridade viaria na vía, polos tramos perigosos detectados, levou ao Concello a pedir á Xunta de Galicia a reforma da estrada, pero ata o de agora non chegou a executarse.
Desde unhas semanas atrás, a AC-215 acolle traballos de mellora no abastecemento de auga á cidade da Coruña, dado que un dos condutos principais da traída pasa por baixo. Estas obras no abastecemento continuarán nas próximas datas pola estrada, requirindo a apertura de gabias ao longo do percorrido.
Vendo esta situación como unha oportunidade, o Concello estableceu conversacións hai dous meses co departamento de Planificación e Infraestruturas da Xunta de Galicia. As dúas entidades concretaron a remodelación da AC-215 coa principal finalidade de mellorar a seguridade para os peóns.
A actuación consistirá na construción de beirarrúas na marxe dereita da vía, en sentido O Portádego, con rede de recollida de pluviais. A provisión de cruces seguros para os veciños constitúe outro dos obxectivos, polo que o proxecto contempla a creación de catro pasos de peóns sobreelevados, condición que garante a seguridade e obriga aos vehículos a reducir a súa velocidade.
Así mesmo, a actuación inclúe a colocación de marquesiñas nas paradas do autobús metropolitano. Haberá tres paradas en cada marxe da vía, que acolle o paso da liña que conecta A Barcala coa Coruña pasando pola avenida de Juan Carlos I do Burgo.
A Xunta atópase agora en fase de redacción do proxecto, polo que os traballos comezarán en próximas datas. Pola súa banda, o Concello manifestou ao goberno autonómico a súa disposición a recepcionar a estrada e asumir así o seu mantemento. É dicir, a vía deixaría de ser unha estrada autonómica e converteríase nunha travesía urbana municipal.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, mostra a súa satisfacción pola inmediata realización dun proxecto "moi urxente" para o municipio. O primeiro edil sinala que a avenida acolle o paso de máis de 20.000 vehículos ao día, polo que entende oportuno "centrar os esforzos necesarios para garantir a seguridade dos peóns".
Sacristán apunta ademais á contorna residencial e de servizos públicos que, se cabe, esixe aínda máis a remodelación da estrada. A AC-215 acolle na súa contorna un colexio de Educación Infantil e Primaria, as sedes de Policía Local e Garda Civil e é o lugar elixido para levantar o ansiado novo centro de saúde de Culleredo, en O Portádego.
O rexedor agradece a comprensión da Xunta para executar coa máxima prema unha actuación que redundará na seguridade viaria e na redución dos accidentes de tráfico.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER