O Concello de Culleredo sumarase á iniciativa “Localidades Solidarias co Alzheimer”. O documento, defendido pola primeira tenente de alcalde, a nacionalista Raquel Jabares, e proposto pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL), obtivo o respaldo unánime do pleno municipal celebrado o pasado 31 de xaneiro.
Deste xeito, o Concello de Culleredo avala á necesidade de recoñecer, por parte de todos os sectores da sociedade, e neste caso ao que corresponde á política local, unha realidade tan dura como é a do Alzheimer para tantos dos veciños e veciñas que padecen ou que coidan a algún familiar nesta situación.
Así mesmo, e coa ratificación desta Declaración, o Concello de Culleredo como “Localidade Solidaria co Alzheimer” apoiará a iniciativa liderada pola Alianza polo Alzheimer, que reivindica a posta en marcha dunha política de estado de Alzheimer. Ademais, preténdese con este xesto “servir de exemplo a outros municipios e apoiar a sensibilización e concienciación da sociedade, institucións e cargos públicos sobre este problema sociosanitario de primeira magnitude”.
Na Declaración Institucional ponse de manifesto que o Alzheimer “é a demencia con maior prevalencia que afecta en Galicia a 400.000 persoas entre enfermos e familiares” e sublíñase que “debido ao aumento da esperanza de vida da poboación, nos próximos vinte anos verá duplicada a súa incidencia, sendo este un problema especialmente grave en Galicia polo especial avellentamento e dispersión da poboación”.
Así mesmo, sublíñase que o Alzheimer “é un problema sociosanitario debido á inexistencia de tratamentos efectivos e posibilidades de prevención”, cuxo custe anual medio é de máis de 30.000 euros. Este recae nas familias, segundo se recolle na Declaración, na que se informa de que “a dotación de recursos sociosanitarios específicos para afrontar as necesidades das persoas enfermas e das súas familias é escasa”.
Na Declaración recóllese tamén que “a pesar das diferentes recomendacións formuladas dende diversos órganos nacionais e internacionais, e do recoñecemento da importancia desta problemática na Comunidade galega mediante a declaración do ano 2012 como Ano Galego do Alzheimer, non existe un plan autonómico especificamente dirixido a paliar os efectos desta enfermidade”.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER