Aena acaba de iniciar a segunda fase da construción da senda peonil que rodeará á nova cabeceira do aeroporto de Alvedro. Trátase dunha das actuacións solicitadas polo goberno de Culleredo para ofrecer aos veciños unha nova contorna de esparexemento e garantir a súa mobilidade na zona da ampliación da pista.
Esta senda comunicará o novo parque da festa, inaugurado o ano pasado, con Fontemaior, pasando por diante dos pazos e casas grandes reconstruídas. Esta segunda fase da senda será similar, en canto a características técnicas, que a primeira fase realizada entre a igrexa e o parque da festa.
Terá unha anchura de tres metros e levará un tratamento de formigón. A empresa concesionaria da obra xa comezou os traballos coa explanación do terreo por onde discorrerá a senda.
Este camiño peonil permitirá aos veciños da contorna de Fontemaior chegar de forma segura a puntos como a igrexa, o parque ou o núcleo de Liñares. Tamén comunicará co futuro parque público que se creará na denominada Casa de Pita. A variante provincial carece de beirarrúas polo que esta actuación resultaba imprescindible para ofrecer unha alternativa aos veciños.
Ao longo da senda disporase de iluminación pública e de elementos de mobiliario urbano como bancos ou mesas, cuxo mantemento asumirá o Concello de Culleredo. No cruce coa rúa Leonzas crearase unha pequena área verde para o descanso dos veciños e paseantes. E no cruce coa rúa Manuel Reboredo colocaranse varandas de seguridade.
A previsión da empresa pasa por que a senda está operativa a finais do mes de agosto. O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, sinala que se trata dunha das actuacións demandada polo Concello para proporcionar aos veciños da contorna espazos que reduzan o impacto da obra do aeroporto.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER