O Concello de Culleredo e a Xunta de Galicia rubrican o acordo para a remodelación da avenida de Electo Carballo (AC-215). O alcalde, Julio Sacristán, e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, asinaron hoxe o convenio aprobado a principios de mes polo Consello da Xunta, nun acto que tivo lugar na casa consistorial cullerdense.
Con este acordo darase resposta á necesidade de incrementar a seguridade viaria para os veciños desta estrada, eminentemente urbana, que conecta O Portazgo coa Corveira, é dicir, a Nacional 550 coa AC-211. A actuación terá un orzamento de 240.000 euros, cofinanciados entre Xunta e Concello, e servirá para a dotación de beirarrúas e de servizos para os residentes.
A obra consistirá na construción de beirarrúas na marxe dereita da estrada en sentido O Portazgo, nunha lonxitude de 700 metros, unha demanda de veciños e goberno municipal para proporcionar aos peóns un espazo seguro. As beirarrúas terán unha sección variable, cun mínimo de 1,50 metros, baixo a que se instalarán os tubos para os diferentes servizos.
O proxecto incluirá tamén a instalación de rede de recollida de pluviais, con sumidoiros cada 50 metros. Prevese ademais, como medida para reducir a velocidade dos vehículos, a creación de pasos de peóns elevados. Ademais, a avenida disporá de nova pavimentación e estreará paradas de autobús. Tamén renovarase a sinalización horizontal e vertical.
Sacristán destacou ao termo do acto a "necesidade" da actuación dada a elevada carga de tráfico que ten a avenida nunha contorna con gran número de equipamentos veciñais. "Resulta imprescindible converter a estrada nunha vía urbana que da servizo a centros como un colexio, a sede de Policía Local, Garda Civil ou Protección Civil, ou o futuro centro de saúde, ademais de negocios comerciais e de hostalaría", indicou.
Coa firma do convenio, o Concello de Culleredo poderá, despois de aprobar o proxecto, sacar a licitación a obra. Estímase que a licitación e adxudicación dos traballos producirase este ano 2013, levando a cabo a actuación no primeiro semestre de 2014.
A vía pasará a ser municipal dado o carácter urbano que ten. Trátase do primeiro paso neste sentido que efectúa o goberno de Culleredo para asumir a competencia de estradas doutras administracións, pero que o hoxe son rúas e resulta máis lóxico o mantemento municipal.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER