A Nacional 550, desde O Portádego ata A Coruña, permanecerá cortada en parte ao tráfico desde o luns 2 de setembro ata o 15 do mesmo mes. O motivo consiste na execución das obras de mellora do abastecemento á cidade da Coruña e á área metropolitana que leva a cabo Emalcsa.
A envergadura dos traballos, de vital importancia para o abastecemento de auga da comarca, obriga a este corte, que se producirá en dirección A Coruña, por motivos de seguridade e axilidade da actuación. O outro sentido, en dirección Vilaboa ou aeroporto, permanecerá aberto á circulación.
O venres celebrouse unha reunión na Casa do Concello de Culleredo entre o alcalde, Julio Sacristán, e o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, con responsables de Emalcsa, do Ministerio de Fomento, e de Asicasa, empresa concesionaria dos servizos de autobuses de liña, para coordinar a actuación.
O servizo de bus sufrirá importantes variacións. O servizo en dirección A Coruña non realizará as paradas de Radio Culleredo nin das vivendas de aluguer do Portádego. Habilitarase unha parada no Edificio do Arco (confluencia da Nacional 550 coa avenida Electo Carballo) tras a que o transporte tomará Electo Carballo para chegar á AC-211 e seguir cara á Coruña. En sentido contrario, en dirección Vilaboa, os autobuses manterán as súas paradas habituais.
Tamén sofre cambios a liña de transporte que procede de Cambre polo paseo marítimo do Burgo. Parará no Edificio do Arco e baixará pola avenida do Portádego para continuar o seu traxecto á cidade pola AC-211, en lugar da N-550.
A empresa que executa os traballos encargados por Emalcsa sinalizará convenientemente o corte en Cambre, xunto ao Paraugas, e na avenida de Juan Carlos I do Burgo para informar da ruta máis idónea e evitar saturacións de tráfico.
O Concello de Culleredo levará a cabo por este motivo unha vixilancia especial do tráfico a través da Policía Local. Os axentes regularán o paseo de vehículos na rotonda da AC-211, que acumulará unha maior carga de circulación polo corte no Portádego.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER