O Concello de Culleredo inicia as obras de remodelación das rúas peonís do Burgo: Hersa e Sanjurjo de Carricarte. Trátase dunha actuación consensuada cos veciños e comerciantes co obxectivo de reparar as lousas do pavimento, danadas polo paso do tempo.
O alcalde en funcións, José Ramón Riobóo, deu prioridade absoluta ao comezo das obras para satisfacer as necesidades da zona. A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Narciso Marzoa apurou nos últimos días todos os trámites necesarios por parte da empresa adxudicataria para que puidesen comezar os traballos.
O Concello levará a cabo un plan especial de tráfico na zona ante o desenvolvemento da actuación, que se iniciará pola rúa Hersa. Desde hoxe, a rúa Hersa permanecerá pechada á circulación. O acceso para os residentes aos garaxes efectuarase pola rúa Sanjurjo de Carricarte desde a avenida de Ribados.
Por tanto, Sanjurjo de Carricarte cambia de sentido de forma provisional. A entrada levará a cabo desde Ribados e a saída pola praza de Galicia.
O Concello xa procedeu a sinalizar a zona. Riobóo, acompañado do concelleiro de Urbanismo, Diego Taibo, e do concelleiro de Dinamización Local, Juan Carlos Lovelle, desprazouse ata o lugar dos traballos. Os edís comprobaron a sinalización e explicaron aos veciños as modificacións na circulación.
O alcalde en funcións destaca a aposta do goberno local por mellorar as condicións de "unha das principais zonas residenciais e comerciais" do centro urbano do Burgo. Apunta que o Concello tratará de que os traballos se axilicen "ao máximo" para que as rúas peonís estean preparadas para os veciños, clientes dos establecementos comerciais e cidadáns que aproveitan a contorna para o asueto.
Depósito de lixo
Os danos no pavimento foron causados en parte polo paso de vehículos pesados por Hersa e Sanjurjo de Carricarte. Por iso, o Concello procedeu a clausurar os colectores soterrados situados na confluencia das dúas rúas e creou unha zona especial na avenida de Ribados para o depósito dos residuos, con elementos de recollida de orgánico, inorgánico, vidro e papel.
Con todo, detectouse que existen persoas que deixan o lixo na rúa Hersa, xunto aos colectores soterrados fóra de funcionamento. O Concello pide aos cidadáns que utilicen os colectores de Ribados e lembra que deixar o lixo na rúa non está permitido, polo que procederá a sancionar a quen realice esta conduta.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER