O corte na Nacional 550, entre O Portádego e A Coruña, por motivo das obras no abastecemento da cidade e a comarca que executa Emalcsa xa finalizou. O goberno de Culleredo xa pedira a máxima celeridade na realización das obras e a empresa cumpriu, o que permitiu reabrir a N550 ao tráfico tres días antes do previsto.
O Concello manterá nos primeiros días un dispositivo especial de vixilancia da Policía Local para garantir que se recupere con normalidade o tránsito. Ademais, por labores de pintado, a empresa terá que efectuar cortes puntuais regulados.
O peche ao tráfico da conexión entre O Portádego e A Coruña afectaba sensiblemente a unha das vías de alta capacidade que dan servizo ao municipio, coa presenza na súa contorna de miles de veciños e de centos de establecementos comerciais. Para reducir ao máximo as molestias, o alcalde en funcións, José Ramón Rioboo, apostou por efectuar un importante esforzo desde o Concello coa intención de minimizar as molestias.
Rioboo fixou unha atención continua da Policía Local nos puntos de maior carga de tráfico, o que se conseguiu incrementando o número de efectivos previstos nos cuadrantes destas dúas semanas. O alcalde en funcións destaca o "gran traballo" levado a cabo polos axentes, que axudou a que o tráfico se resentise na menor medida posible do corte.
O outro factor que axudou, apunta Rioboo, foi a colaboración dos cidadáns, a quen agradece "a súa comprensión e actitude exemplar" ante as obras. Os veciños escoitaron as recomendacións do Concello e usaron en gran medida a AP-9 e a Terceira Rolda para reducir a carga de circulación no Portádego e Fonteculler.
O Concello de Culleredo entende que a envergadura dos traballos de Emalcsa, de vital importancia para o abastecemento de auga da comarca, obrigase a este corte, por motivos de seguridade e axilidade da actuación.
Acondicionamento da parcela xunto a Radio Culleredo
O Concello de Culleredo sinala que a parcela situada en O Portádego xunto a Radio Culleredo, a pé da Nacional 550, será acondicionada unha vez concluídos os traballos. Este terreo serviu para a provisión de material por parte da empresa que levou a cabo as obras encargadas por Emalcsa.
O goberno local solicitou que posteriormente sexa adecentadapara que quede en boas condicións. Polo de pronto non se prevé alí ningunha actuación dado que se confía que proximamente a Xunta de Galicia comece a construción do necesario centro de saúde.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER