O ansiado centro de saúde do Portádego poderá ser unha realidade no primeiro trimestre de 2015. Así manifestouno hoxe a Xunta de Galicia na visita efectuada xunto á parcela cedida polo Concello de Culleredo para a construción da nova instalación médica.
O alcalde, Julio Sacristán, espera que este prazo se cumpra e por fin "ver a luz" para dispor dun servizo que se ven demandando desde hai anos por goberno local e veciños. As previsións de Sanidade pasan por sacar a licitación as obras no derradeiro trimestre deste ano e adxudicalas no primeiro de 2014.
O rexedor, acompañado de varios concelleiros da corporación, entre os que se atopaba Penélope López, edila de Sanidade, recibiu no Portádego a Pablo Torres, director xeral de Recursos Económicos do Sergas, e a Belén Docampo, delegada provincial da Xunta, que visitaron o terreo que acollerá a dependencia.
Sacristán explicou que a planificación sanitaria do Concello pasa por abrir no futuro un centro de saúde no rural que sustitúa ao consultorio actual de Tarrío. Por iso no Plan Xeral xa se reservou unha parcela en Ledoño con tal finalidade. Neste caso, os prazos virán marcados polo crecemento que experimente Culleredo nos vindeiros anos.
O alcalde considera o emprazamento do Portádego idóneo a nivel de comunicacións. Dará servizo a miles de veciños de Fonteculler, A Corveira ou O Portádego, que poderán acudir a pé. Os residentes noutros núcleos, como Vilaboa ou parroquias rurais, dispoñen dunha liña de bus que ten parada a carón do centro.
Sacristán destacou a "máxima colaboración" levada entre Xunta e Concello, que continuará igualmente nos vindeiros meses para apurar ao máximo os prazos.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER