Os traballos na mellora do sistema de abastecemento de auga da Coruña e a comarca realizados por Emalcsa afectaron especialmente á avenida de Electo Carballo. Foi necesario durante meses abrir gabias para acometer as obras, o que deixou a calzada notablemente deteriorada.
A pesar de que en breve prazo o Concello de Culleredo, levará a cabo, tras o convenio subscrito coa Xunta de Galicia, unha profunda remodelación da vía, o goberno local considerou adecuado a reposición dos servizos da estrada, executado pola propia empresa adxudicataria da obra de Emalcsa.
Hai dúas semanas comezou o asfaltado de toda a avenida, entre O Portádego e Fonteculler. Agora ultímase o pintado da calzada, incluíndo os pasos de peóns de vías perpendiculares.
O goberno de Culleredo apostou por estes traballos con obxecto de ofrecer un servizo adecuado, en condicións de seguridade, aos veciños da contorna, que tiveron que soportar tamén a obra. Así mesmo, é necesario o proxecto, considera o goberno local, para "beneficiar a actividade comercial da avenida e a súa contorna".
Esta mellora do firme será o paso previo á renovación da vía con obxecto de incrementar a seguridade viaria para os peóns. A actuación terá un orzamento de 240.000 euros e servirá para a dotación de beirarrúas e de servizos para os residentes.
A obra consistirá na construción de beirarrúas na marxe dereita da estrada en sentido O Portádego, nunha lonxitude de 700 metros. As beirarrúas terán unha sección variable, cun mínimo de 1,50 metros, baixo a que se instalarán os tubos para os diferentes servizos.
O proxecto incluirá tamén a instalación de rede de recollida de pluviais, con sumidoiros cada 50 metros. Prevese ademais, como medida para reducir a velocidade dos vehículos, a creación de pasos de peóns elevados. Ademais, a avenida disporá de nova pavimentación e estreará paradas de autobús. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical.
O Concello traballa na elaboración dos pregos para a contratación. Estímase que podería desenvolverse a obra no primeiro semestre de 2014.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER