O alcalde de Culleredo, Julio Sancristán, mantivo un onte coa directiva da asociación de taxis de Culleredo para abordar a súa situación actual. Na reunión falaron de asuntos como a problemática do sector, dada a baixada de pasaxeiros en xeral e no aeroporto en particular, o convenio de colaboración cos taxis da Coruña para prestar servizo en Alvedro, e o establecemento das tarifas para o ano 2014.
Os taxistas cullerdenses puxeron en coñecemento do rexedor algúns dos problemas que seguen xurdindo no servizo ao aeroporto. Explicaron que, por unha banda, séguese producindo a subida de taxis da Coruña fose da quenda correspondente. Segundo o convenio asinado entre o Concello de Culleredo e o da Coruña, o servizo en Alvedro estrutúrase por medio de quendas pechadas; os taxis que non forman parte da quenda só poden coller viaxeiros na o aeroporto se ao subir cargados teñen sitio na bolsa de espera creada.
Ademais, os taxistas informaron a Sacristán de que se está producindo a intromisión en servizos ao aeroporto de taxis sen contrato dalgúns municipios. E tamén lle sinalaron que existen problemas de comunicación con Teletaxi.
Ante esta situación, e dado que non é a primeira vez que se detectan graves incumprimentos do acordo coa Coruña, o Concello de Culleredo denunciará o convenio e demandará a redacción dun novo. Así llo comunicou xa Sacristán ao goberno local coruñés.
O primeiro edil apunta que un novo texto debe contemplar novas situacións, xurdidas da experiencia obtida estes anos. Entende así mesmo que se debe tratar de homologar o prezo dos servizos cando os taxis da Coruña collan viaxeiros en Culleredo (cobran un prezo máis alto). "En xeral, o convenio funcionou, pero hai que melloralo", asegura o alcalde.
Para o estudo do novo convenio, o goberno municipal cullerdense enviará un escrito ao Concello da Coruña para tentar concretar unha reunión para finais do actual mes de outubro.
O Concello de Culleredo esixirá tamén á Xunta de Galicia que inspeccione o cumprimento da lei en canto aos taxis de fóra de Culleredo e A Coruña que cargan sen contrato, o que supón unha competencia desleal para os taxistas cullerdenses e coruñeses.
En canto a Teletaxi, a idea consiste en pedir unha mellora do acordo para que os taxis de Culleredo dispoñan dunha maior cobertura da emisora e non teñan lugar agravios comparativos.
Sobre as tarifas a aplicar para o próximo ano, a directiva dos taxis de Culleredo comprométese a presentar un estudo económico financeiro e a proposta de cambios a finais de mes. A variación que se poida producir nas tarifas será en función do IPC.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER