A administración municipal cullerdense achegarase un pouco máis aos veciños dos núcleos urbanos. O Concello creará un novo rexistro no Burgo, que se sumará ao xa existente na casa consistorial, para facilitar as xestións das parroquias máis poboadas do municipio.
O rexistro auxiliar do Burgo instalarase no Edificio de Servizos Múltiples. O seu horario será de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, a partir do 1 de marzo vindeiro.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, explica que esta medida persegue "propiciar aos cidadáns un segundo punto para a entrega de documentación necesaria na realización dos seus trámites". O rexedor considera que proporcionará unha mellora substancial da atención ao cidadán ao evitarlle desprazamentos máis longos, respondendo as necesidades trasladadas polos veciños.
A intención do goberno de Culleredo pasa por habilitar un novo rexistro en Vilaboa, no pazo de Vila Melania. Acometerase unha vez verificada a idoneidade e bo funcionamento do novo do Burgo. Desa forma, os dous principais núcleos do municipio disporán de rexistro auxiliar.
Esta decisión únese á aposta pola administración electrónica que ten en marcha o Concello de Culleredo. O Concello desenvolveu unha plataforma que dá un servizo de calidade ao veciño, permitíndolle a realización de numerosos trámites sen desprazamentos.
A oficina virtual proporciona acceso aos veciños aos servizos de información que ofrece o Concello. Na plataforma, os veciños poden, entre outras funcións, iniciar tramitacións, emendar a documentación dun procedemento xa en marcha, consultar o estado de solicitudes e expedientes, obter volantes, certificados e outros documentos, seguir a solicitude por vía telemática mediante correo electrónico, pagar taxas ou recibos, ou acceder ao rexistro telemático e portelo único.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER