Culleredo loitará contra a reforma local que aprobou en decembro o Goberno do Estado. O pleno, a proposta do equipo de goberno, aprobou a interposición dun conflito ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local.
O goberno municipal defenderá así a autonomía local que se debe garantir constitucionalmente. Unha autonomía que, entende, periga co texto lexislativo aprobado polo Goberno central eliminando funcións aos Concellos que necesitan día a día os cidadáns.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, considera que os Concellos teñen que dispor dun abanico de competencias propias que "dean resposta ás necesidades básicas dos veciños". A reforma local, en cambio, outorga moitas ás autonomías, o que supón unha merma importante para os cidadáns, en áreas de especial relevancia como os servizos sociais.
O rexedor defende que os Concellos deben asumir as funcións "máis próximas" á cidadanía cunha correspondente transferencia de fondos para asegurar o seu cumprimento.
Para expor este conflito ante o Tribunal Constitucional, o Concello unirase a outras administracións locais. Os requisitos para o recurso son que concorran polo menos un sétimo dos existentes no territorio, representando como mínimo un sexto da poboación española.
O Concello de Culleredo pretende así protexer e amparar os intereses dos seus veciños ante unha reforma que lles prexudicaría notablemente.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER