Os veciños da zona urbana de Culleredo xa teñen a administración municipal máis preto. O Concello abriu o pasado luns un novo rexistro no Burgo, que se suma ao xa existente na casa consistorial, para facilitar as xestións das parroquias máis poboadas do municipio.
O goberno local dotou ao rexistro auxiliar, situado na planta baixa do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, de dúas unidades, capaces de levar a cabo os mesmos procedementos e tramitacións que o rexistro xeral.
Nesta primeira semana de vida, o rexistro do Burgo atendeu a medio centenar de veciños, a pleno rendemento. Estímase que a cifra crecerá substancialmente xa que a súa apertura coincidiu cun día festivo e as festas de Entroido. As principais xestións levadas a cabo consistiron en certificados de empadroamento, así como a achega de documentación para diversos procedementos ou a entrega de facturas.
Os usuarios que acudiron ao rexistro auxiliar mostraron a súa satisfacción pola decisión do Concello de habilitar este servizo. E é que as facilidades para os veciños do Burgo, Acea de Ama, Fonteculler, Cordeda, A Corveira, ou Vilaboa son notables ao non ter que desprazarse ata Tarrío.
O rexistro auxiliar do Burgo ten un horario de apertura de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, explica que esta medida persegue "propiciar aos cidadáns un segundo punto para a entrega de documentación necesaria na realización dos seus trámites". O rexedor considera que proporcionará unha mellora substancial da atención ao veciño ao evitarlle desprazamentos máis longos, respondendo as necesidades trasladadas polos veciños.
A intención do goberno de Culleredo pasa por habilitar un novo rexistro en Vilaboa, no pazo de Vila Melania. Acometerase unha vez verificada a idoneidade e bo funcionamento do novo do Burgo. Desa forma, os dous principais núcleos do municipio disporán de rexistro auxiliar.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER