Os veciños de Culleredo disporán desde este mes dun servizo de augas máis transparente e democratizado. Así o presentou hoxe o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, acompañado dos responsables de Gestagua, empresa concesionaria do servizo municipal.
A nova factura é moito máis moderna e lexible, e ofrece toda a información detallada sobre os conceptos que se abonan, a súa desagregación, as normas reguladoras ou os datos de facturación. De especial relevancia, apuntou o alcalde, resulta a explicación de cada cargo, dado que a factura aglutina non só o abastecemento e saneamento, senón tamén o servizo de lixos do Consorcio, o canon da Xunta ou a nova taxa de depuración de EDAR Bens.
O documento inclúe tamén un código QR, que permite ao usuario acceder co móbil ao propio pago da factura e abonala directamente. Outro código QR redirixe á nova web específica para Culleredo, outra das novidades do servizo.
Esta páxina web conta cun apartado para clientes onde mesmo poden descargarse os impresos para realizar determinadas tramitacións. Os usuarios poden obter os detalles das actuacións de mellora da rede emprendidas, información dos equipos e medios cos que conta a adxudicataria para o servizo, ou a forma de contacto.
Ademais, os veciños tamén poderán recibir por correo electrónico as súas facturas e abonalas por internet. Neste sentido, os responsables de Gestagua consideran que existe moito potencial para incrementar o número de usuarios da factura dixital, dado o carácter novo do municipio.
O alcalde resaltou o gran avance nos servizos de auga, que xa comezaron a finais dos 80, cando apenas había servizo público de abastecemento. "Propuxémonos contar cun servizo que fose un exemplo e hoxe podemos dicir que dispoñemos dun sistema case perfecto", afirmou.
Sacristán destacou que o 90% da rede de abastecemento é nova, o que leva que se produzan poucas avarías. E cando se producen, sinalou, o tempo para reparalas ten unha media de só 2 horas.
O primeiro edil, acompañado tamén polo primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e polo concelleiro de Obras e Servizos, Narciso Marzoa, mostrou a súa satisfacción polo incremento de información e facilidades para o usuario, algo que considera que se demanda cada vez máis.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER