Despois de anos de espera e tras intensificar nos últimos meses as peticións, o Concello de Culleredo recibiu a confirmación verbal, por parte da Consellería de Sanidade, de que o Consello da Xunta aprobaba a licitación do demandado novo centro de saúde para o municipio.
O goberno municipal é consciente de que o procedemento administrativo aínda é longo polo que espera a máxima celeridade da Xunta para non engadir unha nova demora a esta infraestrutura "imprescindible" para os veciños. O Concello celebra que por fin se avance no proxecto, pero espera que o proceso continúe agora "sen ningún atraso máis", tras o longo período de espera experimentado.
O 23 de febreiro de 2009, hai agora 5 anos e 4 meses, producíase a escritura da parcela cedida polo Concello de Culleredo á Xunta para levantar a dependencia sanitaria. En abril dese ano, o goberno autonómico adxudicaba o proxecto.
Desde entón a seguinte comunicación oficial da Xunta remóntase a agosto de 2010, cando confirmou por escrito a construción do centro e requiría a conformidade do Concello, que se produciu ao día seguinte.
O tempo foi pasando ata que o 17 de setembro de 2013 o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, xunto coas concelleiras de Sanidade e Benestar, recibiu aos responsables de Sanidade na propia parcela, situada en O Portádego. Alí a consellería anunciou a licitación para o inicio de 2014. De novo esta non chegada, o que levou ao equipo de goberno a contactar de forma continuada coa Xunta para insistir na contratación das obras.
O centro de saúde dará servizo aos núcleos de O Portádego, Fonteculler, A Corveira, Cordeda, monte Alfeirán ou parte de Vilaboa, entre outros.
A construción da dependencia servirá para aliviar ao centro de saúde de Acea de Ama, actualmente o único da zona urbana e que se atopa saturado. Por iso o equipo de goberno considera "prioritario" o proxecto para os veciños.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER