O día 30 de xuño puxéronse en funcionamento de forma definitiva as novas liñas de bus, tanto o metropolitano como o de interese municipal, tras as negociacións efectuadas polo Concello de Culleredo coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.
O transporte metropolitano contará no municipio de Culleredo con 5 liñas regulares, que parten de Nós, Cambre, Carral, Cerceda e do aeroporto de Alvedro, tendo como destino a cidade da Coruña. O Concello de Culleredo complementa esas liñas co bus de interese municipal, financiado polas arcas locais.
Coa negociación levada a cabo coa Xunta de Galicia conseguiuse adiantar o horario de saída da Cabana, que pasa por Almeiras, que sairá ás 7.15 horas, dando tempo aos traballadores a chegar antes das 8.00 horas á cidade da Coruña. Tamén se logrou adiantar a saída do bus desde o Edificio de Servizos Múltiples ás 7.30 horas, así como a reposición do servizo de mediodía a Orro, Bregua e Boedo.
Cos itinerarios tanto de liña regular metropolitana como o de interese municipal, todos os núcleos de poboación terán como mínimo 3 servizos ao día (mañá, mediodía e tarde), e todos quedan comunicados coas liñas regulares para poder facer os transbordos necesarios.
As liñas definitivamente aprobadas cobren o 95% das necesidades do transporte público de Culleredo. Ese 100% non foi posible pola configuración das liñas e os puntos de partida. Ao Concello gustaríalle contar cun horario de mañá máis temperán en Sueiro e Peiro (bus que sae de Cerceda), así como pór en marcha unha liña para dar servizo ás urbanizacións da Zapateira.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, anuncia que a partir deste momento proponse como obxectivo negociar coa Xunta, co Concello da Coruña e co Concello de Arteixo a comunicación mediante transporte público das urbanizacións da Zapateira.
En concreto, o Concello aposta por establecer este servizo para Vallesur, Os Olivos, Augas Mansas, en Culleredo, e MonteGolf, en Arteixo. Considera "lóxico" tomar a medida para que "todos os veciños do municipio" dispoñan de liña de bus, e aproveitar a confluencia de varias urbanizacións para esquecer as limitacións territoriais.
Coas liñas regulares metropolitanas varios núcleos non terían acceso ao transporte, como Sueiro, Sésamo, Cillobre ou Liñares. E a maioría de poboacións non disporía de conexión coa capital municipal de Tarrío. De aí a decisión do Concello de mellorar a liña de interese municipal, que polo seu percorrido permite conectar todos os núcleos coa capital, así como levar a cabo os transbordos.
O custo da ampliación da liña de interese municipal suporá para o Concello de Culleredo un incremento de 6.000 euros anuais. O desembolso municipal en todo o ano para o transporte en autobús será de 199.000 euros.
Vista previa | Adjunto | Tamaño |
---|---|---|
horarios_bus_culleredo.pdf | 1.16 MB |
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER