O Concello de Culleredo emprende un importante plan de seguridade viaria e de mantemento viario na urbanización Augas Mansas, situada na Zapateira. O goberno local quere garantir así a seguridade na circulación do tráfico rodado e incrementar as comodidades para os veciños.
Augas Mansas é agora zona 30, é dicir, que a velocidade máxima de circulación son os 30 quilómetros por hora. O Concello, a través dos estudos da Policía Local, tivo en conta o carácter totalmente residencial da zona para establecer unha limitación acorde que minimice os riscos polo paso de vehículos.
Este novo cualificativo xa se pode ver tanto no sinal de entrada da urbanización como nas marcas viarias da calzada.
Neste mesmo sentido de mellorar a seguridade, o Concello procedeu a renovar sinalización horizontal e vertical na zona, como os pasos de peóns. Así mesmo, instaláronse espellos nos cruces para incrementar a visibilidade dos condutores.
Os aparcadoiros foron ordenados mediante marcas viarias. Desta forma preténdese que o estacionamento se cinga á calzada, liberando aos coches das beirarrúas para asegurar o paso dos viandantes e evitar danos nas baldosas.
O goberno local entende que estes cambios requirirán unha adaptación por parte dos usuarios, aínda que destaca os importantes beneficios para a seguridade que se lograrán, especialmente para os peóns, algo fundamental nun lugar con moitas familias con nenos.
Mellora do regato e das beirarrúas
Ademais do plan viario para Augas Mansas, o Concello está a levar a cabo unha actuación de acondicionamento do regato que baixa polo medio das vivendas. Trátase dunha necesidade trasladada polos veciños dado que a maleza fora aumentando.
Os traballos consisten na roza e limpeza da canle en todos os tramos en que se divide o arroio.
Finalmente, o Concello, dentro do seu plan de mantemento, está a acometer arranxos nas beirarrúas da urbanización, substituíndo as lousas que se puideron soltar co tempo.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER