O Concello de Culleredo saca hoxe a licitación unha das súas principais actuacións dos últimos anos: a rehabilitación do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, referente da actividade cultural e social do municipio. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o anuncio, cun orzamento de 1.009.701 euros.
O goberno municipal persegue coa obra remodelar o inmoble, que co paso dos anos presenta numerosas necesidades de mellora, para proporcionar un espazo modernizado para a actividade social de Culleredo. O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, explica que a obra é prioritaria para "incrementar a accesibilidade, seguridade e prestacións dun edificio que é centro neurálxico da zona urbana".
As obras variarán a configuración actual do inmoble, acometendo unha reorganización xeral dos espazos. As oficinas de atención cidadá serán ampliados, para potenciar o seu uso, como extensión á casa consistorial. Situaranse na planta baixa, en toda a fronte da fachada, combinando espazos de atención administrativa con despachos para unha asistencia máis personalizada.
A reorganización dos espazos destinados a cultura e espectáculos será a máis importante. Actualmente, tanto o salón de actos como a aula de vídeo carecen de vinculación e de espazos auxiliares. Por iso proxéctase un auditorio, no soto, con acceso independente, que dispoña de vestíbulo, que servirá tamén a unha sala auxiliar, de menor superficie, idónea para pequenos actos.
Na planta baixa, a cafetaría intercambiará a súa posición actual coas oficinas para así poder dar servizo aos usuarios do auditorio.
Na primeira planta manterase a biblioteca municipal, coa súa sala infantil, e nas plantas altas, as aulas e espazos para actividades e para o seu emprego por parte de colectividades e asociacións.
A comunicación entre as plantas será un dos aspectos de maior incidencia da obra. Eliminarase a duplicidade de escaleiras e do montacargas, cun pequeno vestíbulo en cada planta a pé das escaleiras exteriores. Isto facilitará o aproveitamento do espazo e a instalación de aseos.
A totalidade do investimento procede das arcas municipais, grazas ao superavit acadado polo goberno municipal nos anos pasados. O prazo para a presentación de ofertas comeza mañá e será de 26 días laborables.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER