O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, aproveitou a presenza da conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez, no Burgo, para pedirlle a remodelación da AC-213, vía autonómica que conecta O Burgo con Almeiras, proseguindo despois cara ao municipio de Cambre. O rexedor formulou esta reclamación dado o actual estado deteriorado que presenta a estrada, que acolle diariamente unha elevada carga de tráfico.
En concreto, no tramo cullerdense da AC-213, pódense ver diversas fochancas e o asfalto gretado en varios dos seus puntos. O Concello calcula que hai dúas décadas que a Xunta de Galicia non renova o pavimento e por iso presenta agora estas deficiencias.
A recollida de pluviais é outro dos problemas que presenta a vía. Nalgunha zona, como diante do antigo matadoiro de Fricosa, non existe canalización da auga da choiva, o que xera acumulacións de auga na calzada, co consecuente risco que iso entraña.
Sacristán apunta á seguridade viaria como principal motivo para demandar esta actuación. Sinala por exemplo que na coñecida curva dos Pelamios sucederon varios accidentes. "É conveniente un asfalto novo de alta calidade para favorecer a condución segura", afirma.
O alcalde lembra ademais que hai uns anos a Xunta mellorou a vía no tramo cambrés, mentres que no cullerdense só se construíu á rotonda da Telva e mellorouse a ponte sobre o río Mero. Foi o propio Concello de Culleredo o que foi construíndo as beirarrúas na vía e facendo distintos traballos.
Agora Sacristán espera que por fin a Xunta acometa unha actuación completa tanto no pavimento como nos puntos que carecen de recollida de pluviais. A conselleira respondeulle ao primeiro edil que analizará a petición. O goberno local confía nunha actuación rápida dada a situación da estrada.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER