O Concello de Culleredo deu a coñecer no pleno de organización celebrado hoxe a composición do equipo de goberno. O goberno local estará estruturado en oito grandes áreas, cun responsable político á fronte. Serán as seguintes:
- Área de Presidencia: Julio Sacristán. Encargarase da coordinación do goberno e das relacións institucionais. Englobará así mesmo a elaboración dos orzamentos e a política fiscal do Concello.
- Área de Seguridade Cidadá, Medio Ambiente, Servizos e Obras: José Ramón Rioboo. En materia de seguridade asume o control e ordenación do tráfico en vías urbanas, a Policía Local, Protección Civil ou a mobilidade. En materia de obras e servizos, dirixe a planificación das obras municipais e a xestión de servizos básicos municipais como o mantemento de vías, a conservación de parques e zonas verdes, o ciclo da auga ou a iluminación. E asume as políticas municipais en materia de medio ambiente.
- Área de Benestar Social e Igualdade: Lupe Pombo. Xestionará a prestación de servizos asistenciais á cidadanía, atención á exclusión social, políticas de muller, atención á terceira idade e igualdade. Tamén integrará o voluntariado e os campos relacionados coa sanidade.
- Área de Réxime Interior, Patrimonio e Contratación: Marta Iglesias. Coordinará o funcionamento da administración municipal, as tramitacións, o persoal, a xestión do patrimonio, e os procedementos de contratación. Dentro desta área inclúese a Concellaría de Persoal e Novas Tecnoloxías, que asumirá Marta Figueroa, que asume a xestión do persoal municipal e a promoción do TIC para a administración.
- Área de Urbanismo: Diego Taibo. Asume as competencias municipais sobre ordenación do territorio e urbanismo (concesión de licenzas, expedientes de disciplina...).
- Área de Desenvolvemento Socioeconómico, Turismo e Festas: Juan Carlos Iglesias Lovelle. Xestiona as políticas de dinamización da economía local, fomento de actividades económicas, os plans de formación, o comercio e a promoción dos valores turísticos e dos eventos e festas do Concello.
- Área de Educación, Cultura e Participación Cidadá: Carmen Varela. Aglutina as políticas de promoción e difusión da cultura, a vixilancia do cumprimento de escolarización obrigatoria, as escolas infantís, o Conservatorio e as actuacións de fomento da participación cidadá.
- Área de Deportes e Ocupación do Tempo Libre: Miguel Suárez. Asume as políticas municipais de promoción do deporte, as relacións cos clubs, e as políticas de tempo libre dirixidas á mocidade, con actividades e uso de infraestruturas.
Sacristán destaca que a estrutura do goberno permitirá centrar esforzos en sete ámbitos "prioritarios" para o benestar, principal obxectivo. Resalta a creación dunha área específica para o Deporte e o Tempo Libre, que prestará especial atención á mocidade, un colectivo que tamén necesita accións desde os concellos.
Apunta ao contacto directo co veciño e a participación veciñal como "denominador común" para todas as áreas de goberno, algo que especialmente levará a cabo na Concellaría de Obras e Servizos, para "ofrecer a mellor resposta" ás demandas cidadás.