A reforma do Edificio de Servizos Múltiples, centro neurálxico de actividade cultural e atención cidadá da zona urbana do municipio, encara a súa recta final. Os traballos, comezados na pasada primavera, seguen segundo o previsto e espérase un notable avance nos próximos dous meses.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e o edil de Deportes, Miguel Suárez, acompañados de técnicos municipais e da empresa adxudicataria, visitaron as obras no edificio. Alí puideron comprobar a configuración que terá o novo auditorio, que xa se pode albiscar no soto.
O auditorio terá acceso independente e disporá de vestíbulo, para protexer da choiva na entrada, e de aseos propios. Cunha capacidade para unhas 250 persoas, contará cun amplo escenario para acoller todo tipo de actos, desde teatrais a concertos ou musicais, apuntou o rexedor.
Tamén puido ver a sala auxiliar ao auditorio, de menores dimensións, idónea para pequenos actos.
Os operarios traballan agora especialmente na planta baixa, onde irán as oficinas e o punto de atención ao público. As oficinas de atención cidadá serán ampliadas, para potenciar o seu uso, como extensión á casa consistorial. Situaranse a fronte esquerda da fachada, combinando espazos de atención administrativa con despachos para unha asistencia máis personalizada. Finalmente na fronte dereita situaranse aseos e unha nova sala de actividades.
O Concello de Culleredo logrou a adxudicación dos traballos de rehabilitación nunha contía de 776.459,42 euros, unha sensible rebaixa da licitación, fixada nun orzamento de 1.009.701 euros.
O Concello persegue coa obra remodelar o inmoble, que co paso dos anos presenta numerosas necesidades de mellora, para proporcionar un espazo modernizado para a actividade social de Culleredo. O alcalde explicou que a obra é "imprescindible, como sabe perfectamente calquera usuario do Edificio, para incrementar a accesibilidade, seguridade e prestacións dun edificio que é punto de referencia da zona urbana".
A totalidade do investimento procede das arcas municipais, grazas ao superávit cultivado os anos anteriores, tanto por unha estrita política de contención do gasto como polo aforro logrado en contratacións municipais. O goberno local considera que os bos resultados económicos deben trasladarse a executar melloras necesarias para os servizos básicos para os cidadáns e por iso emprende investimentos sustentables.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER